IP Global, The Bio Factory e ConfirmSign amosan este xoves as súas experiencias de éxito

martes, 2 de febreiro do 2016 Redacción

Os emprendedores da provincia da Coruña teñen este 4 de febreiro unha cita con algúns dos principais expertos da nosa terra en materia de incentivos, impulsos e apoios diversos á innovación de mercado. Falamos do evento Startup Europe Week, que se celebra a partir das 11.30 horas na sala Juan Gallo do pazo provincial da Deputación, da man da Área de Promoción Económica e Emprego que dirixe o deputado José Luis García. Na xornada participarán diferentes expertos relacionados co mundo do emprendemento, da administración local e da empresa privada. Por exemplo: integrantes da Confederación de Empresarios de Galicia, o IGAPE, Abanca, o Bufete Pintos & Salgado Abogados, IP Global, ConfirmSign.com e The Bio Factory.
Como dixemos o evento está adicado a emprendedores da provincia, que poderán informar das axudas dispoñíbeis arestora e dar conta das experiencias de experiencias de éxito innovador (as devanditas IP Global, The Bio Factory e ConfirmSign.com, empresa esta última da que temos falado en Código Cero para salientar recoñecementos recibidos, por exemplo o Onda Emprende, ou para informar da súa nova sede na Coruña, dende a que achegan, entre outras cousas, tecnoloxías avanzadas de última xeración para a transmisión de comunicacións certificadas, seguras e fiábeis).
A Startup Europe Week é unha iniciativa de Startup Europe e da Comisión Europea, cuxo obxectivo é informar e sensibilizar sobre o emprendemento ao longo de toda Europa, durante a primeira semana de febreiro. A inscrición nesta actividade é de balde e pode realizarse xa na Rede a través dunha ligazón específica.

PUBLICIDADE