INTECO pon en marcha no Berzo unha proba piloto de xestión de datos financeiros

martes, 31 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A comarca do Berzo vén de ser elixida entre unha longa listaxe de comarcas de todo o Estado para albergar a proba piloto dun proxecto tecnolóxico desenvolvido polo Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e cualificado por este centro de investigación como “cen por cen innovador” no que se refire ó emprego da información financeira dixital. A iniciativa, que ficará activa durante seis meses, consiste na achega por parte do instituto do seu linguaxe informático XBRL ó concello de Cacabelos.
Esta linguaxe, que constitúe un sistema informático-contable, posibilitará compartir información financeira (xestión de datos económicos: contables, orzamentarios, etc) de xeito sinxelo, seguro e rápido, segundo informa INTECO.
A través deste proxecto (engade o instituto), no futuro tódalas entidades locais que o desexen poderán empregar a devandita tecnoloxía para a rendición da liquidación do presuposto e o resto da conta en xeral.
O XBRL (eXtensible Business Reporting Language) é un formato de intercambio de datos normalizado, extensión do estándar XML, e que permite o intercambio e recollida de información financeira. Foi creado en 1998 e leva consigo unha serie de vantaxes para a Administración, sinala INTECO:
· Reduce custos administrativos.
· Posibilita a obtención de datos con rapidez e seguridade.
· Mellora a transparencia dos procesos “de relevancia económica e orzamentaria”.

PUBLICIDADE