INTECO e Ineo organizan na Coruña un seminario sobre as vantaxes do DNIe

luns, 22 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación, entidade do Ministerio de Industria, vai organizar na Coruña, o día 28 de abril, un encontro divulgativo sobre as utilidades dun elemento tecnolóxico-identificativo que malia a súa actual presenza na sociedade galega e española, aínda fica moi por debaixo das súas posibilidades: o DNI electrónico. O dito seminario, que se desenvolve co epígrafe DNI electrónico, usos e vantaxes, dará comezo ás 19.00 horas na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, situada na torre 1 da praza Luís Seoane. O encontro formativo e informativo, que vai supor a entrega dun certificado de asistencia para quen acuda ao mesmo, contará coa colaboración da asociación empresarial Ineo, ente galego centrado na promoción na nosa terra das novas tecnoloxías do coñecemento e, asemade, no reforzamento do noso tecido empresarial vinculado ás ditas canles.
Este será o programa da xornada:
18.45 – 19.00 Recepción dos asistentes
19.00 - 19.10 Apertura do seminario
19.10 – 19.20 INTECO e as súas actuacións
19.20 – 19.40 Introdución á identificación dixital
19.40 – 20.15 Introdución ao DNI electrónico
20.15 – 20.45 Aplicacións do DNI electrónico
20.45 – 20.55 Quenda de preguntas
20.55 – 21.00 Clausura do seminario
Sobre o eDNI
A identificación dixital é unha das grandes apostas das institucións públicas por dinamizar a entrada definitiva e plena de España no que se vén chamando a Sociedade da Información. O novo DNI é unha mestura entre o vello e unha tarxeta de crédito e, tamén, un pasaporte para andar pola Rede con total garantía de seguridade. Para tódolos cidadáns que se decidan finalmente a tirarlle partido (polo de agora non moitos), dicir que co eDNI a Administración central quixo pór en xogo un sistema que garantise ao máximo a seguridade das operacións comerciais e dos trámites coas institucións. Isto acádase co uso dos certificados electrónicos inseridos na tarxeta e coa clave de persoal de acceso (PIN) ós mesmos.
É dicir: o chip que está na tarxeta é o máis semellante á nosa propia identidade ó que se pode chegar. Os certificados electrónicos son os seguintes: o que garante a identidade do cidadán á hora de efectuar unha transacción ou trámite na Rede e o certificado de sinatura electrónica recoñecida.

PUBLICIDADE