INTECO, TAI e o proxecto Educar para Crear, premiados polo seu labor a prol da protección do software

mércores, 6 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Os premiados e promotores dos premios Valor do software
De esquerda a dereita, José Luis Hervias, director xeral de Universal Pictures; Luis Frutos, presidente do comité español de BSA; Salvador Vecino, director xeral de TAI; Ingacio González Ubierna, director de Desenvolvemento Corporativo de INTECO; Sofía Fernández de Mesa, directora de Inclusión Social de Telefónica; Bárbara Olagaray, directora de Relacións Instituticionais de Microsoft; Juan Junquera, director xeral de Telecomunicacións da SETSI e Juan Mollán, presidente de CEDRO.

A quinta edición dos premios Valor do software que concede cada ano o equipo español de Business Software Alliance (BSA) vén de salientar de novo os meirandes esforzos a prol da defensa dos dereitos pechados de licenza de autor dentro do eido da programación. Nesta convocatoria o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) resultou galardoado pola súa “loita contra a piratería do software”. O premio, que xunto cos restantes recoñecementos foi entregado no salón SIMO Network que abriu este martes 5 as súas portas en Madrid, recolleuno Ignacio González Ubierna, subdirector de desenvolvemento corporativo da entidade. Amais do pulo a INTECO, a división estatal de BSA tamén quixo recoñecer o labor despregado a prol da propiedade intelectual por TAI Editorial e polo proxecto Educar para crear, no que participan Microsoft, Telefónica, CEDRO e máis NBC Universal.
No que se refire a TAI, dicir que o premio foille concedido polo traballo feito a prol “do respecto á propiedade”, a través de diversas informacións publicadas ao seu abeiro. Educar para crear obtivo este galardón debido ao seu labor de concienciación sobre a defensa dos dereitos de autor, levado a cabo dende a súa calidade de proxecto educativo.
Na imaxe dos premiados e promotores, de esquerda a dereita, José Luis Hervias, director xeral de Universal Pictures; Luis Frutos, presidente do comité español de BSA; Salvador Vecino, director xeral de TAI; Ingacio González Ubierna, director de Desenvolvemento Corporativo de INTECO; Sofía Fernández de Mesa, directora de Inclusión Social de Telefónica; Bárbara Olagaray, directora de Relacións Instituticionais de Microsoft; Juan Junquera, director xeral de Telecomunicacións da SETSI e Juan Mollán, presidente de CEDRO.

PUBLICIDADE