INEO sela unha alianza coa multinacional TÜV para facilitar ao máximo a innovación das nosas PEME

xoves, 27 de marzo do 2014 Redacción

A asociación empresarial INEO, plataforma galega de firmas TIC, vén de informar do desenvolvemento dun acordo e dunha xornada (resultante do dito acordo) dirixidos a facilitar a achega de combustíbel para a innovación das nosas PEME. O acordo en cuestión, asinado hoxe, foi formalizado coa entidade certificadora TÜV Rheinland, de raizame xermana. A través deste convenio, INEO colaborará coa devandita empresa (referente en servizos técnicos a nivel mundial) achegando expertos seleccionados entre o seu persoal ou dos seus asociados para a avaliación técnico-económica de Proxectos de I+D+i. Froito desta alianza é tamén a xornada desenvolvida este 27 de marzo, da man de INEO, TÜV e F.Iniciativas.
Falamos da xuntanza Desgravación fiscal en I+D segundo a Lei de Apoio a Emprendedores, dirixida a afondar nas novidades introducidas no novo marco regulamentario da devandita Lei, facendo fincapé nos incentivos fiscais que se poden aplicar no relativo a actividades de innovación empresarial. Na cita fíxose saber que a Lei ten como finalidade promover a cultura emprendedora e facilitar a través de moi diversos recursos, incluídos os ditos incentivos. De feito, na xornada falouse de como se poden acadar estas deducións no imposto de sociedades a través da solicitude do informe motivado mediante a certificación de proxectos conforme ao Real Decreto 1432/2003 que establece os requisitos científicos e tecnolóxicos para a obtención do devandito informe.
Por outra banda, tamén se lembrou aos presentes que os ditos incentivos á innovación (que poden acadar os tres millóns de euros) presentan unha serie de problemas: sobre todo o gran descoñecemento que existe destas cuestións por parte de moitas empresas, principalmente as PEME, así como as dificultades que implica determinar que gastos e accións son susceptíbeis de beneficiarse das deducións. A xornada de INEO responde precisamente a unha necesidade de informar e clarificar conceptos, abordando requisitos, procedementos e posíbeis erros cometidos polas empresas ao fío do devandito.
O encontro, presentado pola directora xeral de INEO, Lucía Gregorio, comezou co relatorio titulado I+D+i e Patent Box. Ámbito de aplicación e marco fiscal, impartido polo especialista e consultor comercial de F. Iniciativas, Iago Tello, que se centrou na definición dos ditos conceptos de acordo coa nova normativa e na metodoloxía a seguir para determinar as porcentaxes a aplicar. Tamén se abordou o denominado cheque fiscal, un dos cambios introducidos na Lei de Emprendemento sobre a aplicación actual das desgravacións fiscais por I+D+i que maior interese xerou e polo que Facenda abonará até o 80% do importe das deducións xeradas por realizar actividades de I+D+i ás empresas aínda que non teñan beneficios, “algo que até agora non ocorría”, subliñouse. A exposición correu a cargo da responsábel técnica de I+D+i de TÜV Rheinland, María Rioja, que explicou como se poden conseguir estas deducións no imposto de sociedades a través do procedemento de solicitude do informe motivado, mediante a certificación de proxectos conforme ao Real Decreto 1432/2003, de 21 de novembro, que establece os requisitos científicos e tecnolóxicos para a obtención do devandito informe. Realizou ademais unha análise comparativa das modificacións fiscais introducidas na nova lei de emprendedores en relación coa anterior regulación.
Tralo remate da xornada, como dixemos, formalizouse a sinatura do convenio entre INEO e TÜV, polo que a partir de agora a asociación galega colaborará coa multinacional seleccionando especialistas de entre o seu persoal e as empresas socias para os exames de proxectos de innovación que sexan obxectivo de certificación.
Lembrar que o Grupo TÜV Rheinland é unha empresa referente en servizos técnicos a nivel mundial. Fundada en 1872 e con sede en Colonia, Alemaña, dá emprego a 16.000 persoas en 500 oficinas repartidas por 65 países, xerando uns 1.417 millóns de euros anuais. “Este acordo cunha das compañías certificadoras máis prestixiosas do mundo”, informa INEO, “representa un chimpo cualitativo e un recoñecemento ao labor realizado pola asociación empresarial galega, que reafirma a súa posición como referente asociativo TIC de Galicia”.

PUBLICIDADE