INEO expón o día 19 en Vigo diversos recursos para mellorar o uso das TIC no traballo
xoves, 14 de xuño do 2012
- Unha imaxe máis frecuente do que se podería supoñer: un traballador xogando ao solitario no seu computador
Temos
á vista novo
Foro de INEO, desta volta coa optimización no manexo das TIC
dende o noso posto laboral como eixe temático a desenvolver. A cita
será o vindeiro martes 19 de xuño, en Vigo, e contará coa presenza
de José María Lozoya Pérez, socio do bufete de avogados Lozoya e
Torres, especializado en Dereito ligado ás novas tecnoloxías da
información. O foro, titulado O
control do uso das TIC no traballo,
dará comezo ás 17.00 horas, na sala Galicia da sede da
Confederación de Empresarios de Galicia, CEP, en Vigo.
Un
dos obxectivos básicos do relatorio é axudar aos profesionais a
estaren no lado positivo e rendíbel das TIC en materia de
optimización de tarefas. Ou sexa, que o que se pretende é evitar o
mal uso das tecnoloxías, unha das cuestións que, por certo, máis
preocupa ás empresas de hoxe. De feito, segundo indica INEO
(facéndose eco dos últimos estudos ao respecto de INTECO), hai que
ter en conta que o 62% das fuxidas de información das PEME
prodúcense debido a erros no emprego destas ferramentas. Asemade,
sinala a asociación, cómpre que asumamos a importancia de ter a
mellor actitude posíbel e os mellores hábitos para acadar unha
protección axeitada dos nosos datos. “De
non tomarse medidas como o uso de aplicacións e sistemas operativos
para evitar vulnerabilidades, copias de seguridade, uso responsábel
e prudente do correo electrónico e a descarga de ficheiros, o grao
de seguridade informática dunha empresa pode verse moi reducido”,
informan dende INEO.
O
relatorio de José María Lozoya Pérez tamén servirá para abordar
outra cuestión de gran interese: o debate aberto arredor do grao de
control que se pode establecer no ámbito de traballo e, máis polo
miúdo, de que maneira se debe delimitar o seu alcance para artellar
control empresarial e respecto aos dereitos dos traballadores. “É
o caso”, engádese
dende INEO, “da
aplicación do réxime disciplinario axeitado cando se produce un uso
non axeitado de Internet ou dunha conta de correo electrónico”.
Lozoya
Pérez estará acompañado no foro de Lucía Gregorio e Jorge
Cebreiros, directora xeral e presidente de INEO, que intervirán na
apertura e na clausura do evento, respectivamente.
A
asistencia ao encontro profesional é de balde para socios de INEO e
ten un custe de 40 euros máis IVE para non asociados. A reserva da
praza pode facerse no teléfono 986
11 25 70 ou enviando un correo electrónico a
administracion@INEO.org.
Na páxina web da asociación temos á nosa disposición un documento
en PDF co
programa específico de contidos.