INEO e CENTAC selan unha alianza para seguir botando abaixo barreiras nas novas tecnoloxías

martes, 21 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O foro convocado este luns en Santiago por INEO, CENTAC e o COETG serviu entre outras cousas para complementar e visualizar un acordo estratéxico, de gran importancia, para o desenvolvemento futuro das Cidades Intelixentes, concretamente para a súa materialización como cidades accesíbeis tecnoloxicamente (doutro xeito, non serían intelixentes) nas que ninguén fique fóra das vantaxes e potencialidades da Sociedade do Coñecemento. Segundo informa a asociación INEO e segundo avanzamos onte en Código Cero trala celebración do foro, minutos antes deste evento tivo lugar no CNTG de Santiago a formalización dun convenio entre a dita asociación galega e máis o Centro Nacional de Tecnoloxía da Accesibilidade (CENTAC).
En virtude deste achegamento, as dúas entidades comprometéronse a fomentar conxuntamente as tecnoloxías accesíbeis, tanto no eido das administracións e da cidadanía galega como no que atinxe ás empresas TIC, ás que tratarán de facer chegar a importancia de non deixar a ninguén fóra das vindeiras Smart Cities por motivo de teren diversidades funcionais ou motrices ou de seren maiores de idade. E máis tendo en conta, sinalaron, as importantes potencialidades das novas tecnoloxías para favorecer a integración social.
Máis polo miúdo, o acordo subscribiuse para favorecer a comunicación sobre normalización, innovación, transferencia tecnolóxica e cooperación en materia de tecnoloxías accesíbeis, que non só salientan polo seu valor social, senón tamén por ser un nicho importante de mercado. Así, para manter actualizado o coñecemento sobre vixilancia e prospectivas neste segmento de negocio, CENTAC porá a disposición dos socios de INEO a incorporación ao Programa de Licitacións TIC Accesíbeis, así como a asesoría básica necesaria para a súa participación no mesmo. O acordo inclúe tamén iniciativas de formación continua na xeografía galega, virtuais e presenciais, sobre oportunidades de mercado neste eido e a posibilidade de aplicar, na nosa Comunidade, os proxectos punteiros que mantén activos CENTAC noutros puntos da xeografía española.
O foro celebrado no CNTG, como dixemos onte, foi inaugurado polo presidente de INEO, Jorge Cebreiros e o vicedecano do COETG, Miguel Merino. A coordinadora do Plan de Banda Larga da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Belén Ferreiro, o xerente do COETG, Ricardo Fernández, e a directora xeral de INEO, Lucía Gregorio, foron os encargados de clausura. Entre tanto, falou sobre accesibilidade o director do CENTAC, Juan Luis Quincoces, ao que seguiron os participantes dunha mesa redonda sobre retos das Cidades Intelixentes: Felicitas Rodríguez, responsábel do programa Voluntariado Dixital de Galicia de AMTEGA, Rubén Cid, responsábel da Axenda Dixital Local e colaborador de Smart Coruña, Pablo Bermúdez, director xeral de SCIO Innovation Technologies, Ricardo Fra, director técnico de Sacendi, e Iván Rodríguez, director xerente de Tredess 2010.

PUBLICIDADE