INEO desvencéllase do Clúster TIC na procura de independencia e criterio propio

luns, 30 de setembro do 2013 Redacción

Jorge Cebreiros, presidente da asociación INEO

A xunta directiva da asociación INEO vén de decidir o seu desvencellamento do Clúster TIC Galicia, sendo a razón principal desta marcha a de entender que esta entidade “non está a defender os intereses do sector galego no seu conxunto, tal e como lle corresponde”. Por este motivo, recorda INEO (unha das entidades co-fundadoras do Clúster, xunto co COETG, o CPEIG, EGANET e AETIC), considera que para seguir tendo voz propia como agrupación TIC galega, e tamén como representante empresarial do sector TIC, debe traballar a partir de xa como entidade independente. E máis, sinala a xunta directiva, ao entender que non podería levar a cabo este cometido de maneira axeitada sendo parte do Clúster.
Segundo explica Jorge Cebreiros, presidente de INEO, “cremos e defendemos que as compañías que contratan traballadores en Galicia, desenvolven o seu traballo en Galicia e tributan en Galicia, nunha palabra que xeran riqueza en Galicia, deberan ter tanta visibilidade coma outras en concursos públicos, firmas de ’’acordos do sector’’ e ’’programas de axudas’’, e aqueles organismos que nos teñen como interlocutor, entre outros, estano a ter en conta”, dixo. O que acontece, comenta, “é que cada vez que a opinión de INEO achega esta visión na postura defendida polo Clúster, vese diluída”.
A un nivel máis concreto, a asociación amosa o seu desacordo con determinadas actuacións do Clúster. “Un exemplo disto”, sinala a xunta directiva, “é a permisividade desta entidade cunha serie de concursos públicos en Galicia cuxos requirimentos mínimos de solvencia xa fan imposible que a maioría do sector galego poida presentarse, o que INEO considera inaceptable”. En base a isto, a asociación saínte do Clúster entende que tódolos axentes do sector, de xeito agrupado ou independente, deberan intermediar a fin de acadar a modificación das devanditas esixencias económicas para dar acceso a estas convocatorias públicas á maioría de empresas TIC galegas, pequenas e medianas na súa meirande parte, “o verdadeiro tecido tecnolóxico-dixital de Galicia e, polo tanto, o motor do sector e a economía en xeral”, explica. “Neste senso”, engade INEO, “apoiamos totalmente o proxecto de lei aprobado recentemente no Consello da Xunta, no que se recomenda dividir estas licitacións en lotes, favorecendo así a contratación de empresas galegas, algo que aínda que INEO valora positivament, considera que se debería levar máis alá”.
Dende a asociación alértase que os requirimentos de solvencia económica son tan limitantes que obrigan ás empresas pequenas e medianas, perfectamente capacitadas para executar as tarefas que se licitan a subcontratar cos gañadores dos concursos e, ao final, as empresas galegas acaban por facer o traballo pero sen a visibilidade e moitas veces carecendo das garantías que o seu traballo require. En opinión de INEO, o que se debe fomentar é a libre concorrencia, porque así “gañaremos en calidade todos”.
Outro dos motivos que alega a asociación para a súa marcha ten relación coa discrepancia arredor do papel que lle corresponde ao Clúster. Así, INEO defender que a representación real do sector correspóndelles ás asociacións e confederacións, e non ao Clúster, que é unha entidade de estímulo da I+D e que axuda a conectar a tódolos axentes, pero que en ningún caso “debe ser o actor que fala en nome do sector”. Asemade, di a asociación que preside Jorge Cebreiros, o Clúster iniciou “un proceso de revisión dos seus estatutos que leva a descartar a socios fundadores como son as asociacións e os colexios como socios de pleno dereito, cousa que non amosa o Clúster integrador polo que apostabamos na súa creación, onde tódalas entidades teñen o seu sitio e contan cos mesmos dereitos”.
A xuízo de INEO, o Clúster está “tentando ocupar o espazo dunha asociación empresarial querendo chamarse Clúster para poder acollerse aos beneficios desa etiqueta, sen preocuparse de se a súa estratexia realmente é a dun Clúster ou é máis propia doutras entidades”. Para INEO, é ilegal que haxa axudas públicas que rexistren a súa participación como beneficiarias a empresas integradas nun Clúster, “porque vulnera o principio de libre concorrencia e o de libre asociacionismo”. INEO, en liña coa postura da Confederación de Empresarios de Galicia, lembra que está frontalmente en contra deste tipo de convocatorias.

PUBLICIDADE