INCIBE e ONTSI lanzan un observatorio conxunto de ciberseguridade

martes, 29 de xuño do 2021 S. P.

INCIBE e ONTSI (Red.es) lanzan este 29 de xuño o servizo ObservaCiber, un observatorio conxunto de ciberseguridade destinado a impulsar a divulgación da cultura da seguridade dixital entre os cidadáns e as empresas. Estréase cun estudo no que analiza os hábitos dos españois en Internet e as medidas de protección que adoptan ante os riscos máis comúns.
O observatorio é, nas súas palabras, unha suma das experiencias das dúas entidades en materia de protección tecnolóxica e na realización de produtos de coñecemento sobre transformación dixital. Esta iniciativa nace ademais para unificar e promover baixo un observatorio común, cunha marca unificada, os estudos de ciberseguridade desenvolvidos por ONTSI e INCIBE.
Conta co apoio e a participación do Centro Criptológico Nacional (CCN), o Departamento de Seguridade Nacional (DSN), a Oficina de Coordinación de Ciberseguridad (OCC) e o Mando Conxunto do Ciberespazo (MCCE).
Como dixemos, estreáse co Estudo sobre percepción e nivel de confianza en España. Como se protexe a cidadanía ante os ciberriscos, correspondente ao segundo semestre de 2020. Esta investigación analiza a adopción de medidas de seguridade e avalía as incidencias de situacións que poden constituír riscos, así como o grao de confianza dos fogares españois no uso da tecnoloxía. Segundo os datos recolleitos a través das enquisas a usuarios, en canto a servizos usados en Internet, aumenta unha vez máis o uso da mensaxería instantánea e os chats (71,7%); así como servizos de pagos a través de Internet (58,4%), o acceso aos contidos dixitais de pago (43,4%) ou os trámites a través da Administración Pública Electrónica (42,5%).
Entre outras informacións destacadas, fais saber que o 41,5% dos enquisados cre innecesario cifrar documentos ou datos (“un dato preocupante tendo en conta que se trata dunha medida preventiva para evitar o acceso non autorizado”, engádese), e que se aprecia unha maior tendencia por parte das mulleres a desconfiar das medidas de seguridade das que dispoñen no computador persoal, como no caso do uso de certificados dixitais, onde un 13% declaran non fiarse delas, fronte ao 8,4% declarado polos homes.
Ademais, o 65,7% das mulleres realizan con maior frecuencia copias de seguridade dos seus arquivos, fotos ou documentos dos seus terminais móbiles, 2,9 puntos máis que os homes, e utilizan máis o pin ou patrón de seguridade para desbloquear os seus dispositivos.

PUBLICIDADE