IKEA deixará de editar o seu catálogo en papel

luns, 7 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos IKEA protagonizou moitas informacións tecnolóxicas, como a súa aposta pola realidade aumentada, a comercialización de televisores de marca propia ou o lanzamento de altofalantes conectados e lámpadas conectadas, pero realmente o salto a prol da tecnoloxía máis grande que vai facer chega agora, xa que veñen de anunciar que deixarán de editar o seu icónico catálogo despois de 70 anos de grande éxito, completándose tal adeus no outono de 2021, cando ofrecerán nas súas tendas un libro para render homenaxe a esta publicación.
É difícil pór en perspectiva a repercusión que ten completar a dixitalización do catálogo de IKEA, xa que a historia da compañía en España non é moi longa, pero como ben indica a marca, o catálogo comezou a editarse en 1951 con 68 páxinas e unha tiraxe de 285.000 copias, para superar os 200 millóns de copias en 2016, ano no que xa contaba con 69 versións diferentes en 32 linguaxe e con presenza en máis de 50 mercados, ou sexa, que o catálogo de IKEA era a publicación de maior difusión anual, superando á Biblia e ao Corán.
Pero a aposta polo dixital por parte de IKEA foi bastante pronta, estreando versión dixital do catálogo xa no ano 2000, iniciando a venda a través da Internet en 2001, polo que, ao comezar cedo experimentaron unha progresión pausada que facilitou chegar ao momento actual, no que son unha das tendas en liña de referencia a nivel mundial que incluso incrementou as vendas un 45% do último ano e recibiu máis de 4.000 millóns de visitas, deixando claro que é un bo momento para soltar lastre e desprenderse dun catálogo en papel que resulta menos práctico que a páxina web ou as aplicacións móbiles da marca.

PUBLICIDADE