IGACiencia e Política Lingüística entregan os premios de Inventa en galego e Novos Poliedros

venres, 9 de decembro do 2022 S. P.

O Pazo de San Roque (Santiago) acolleu este 9 de decembro a entrega de galardóns das edicións máis recentes dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACiencia (Institución Galega da Ciencia) coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en lingua galega.
Na cita participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Manuel Díaz, responsábel de IGACiencia, así como polo alumnado e profesorado dos centros premiados.
No certame Novos Poliedros, que vai pola súa segunda edición, resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dupla cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. Os gañadores, que expuxeron no acto de entrega os seus proxectos, recibiron un premio de 125€ por centro e un lote de libros como agasallo.
Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da Simetría Científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolles a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dun listado de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.
Doutra banda, o certame Inventa en galego propón aos centros de ensino que elaboren unha aplicación móbil Android na linguaxe de programación Inventor que reflicta os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan. O gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña, polos seus proxectos Buscando a María Pita e Club dos famosos mortos. Neste caso, o centro galardoado recibiu un premio de 300€, así como un lote de libros para o alumnado participante.

PUBLICIDADE