IBM lanza un produto para facilitar a conversión das firmas en empresas cognitivas

xoves, 5 de novembro do 2015 Redacción

A multinacional informática IBM vén de presentar un produto integrador destinado a axudar ás organizacións a converterse en empresas cognitivas, ou sexa, empresas que na súa relación co coñecemento vaian máis alá dunha simple xestión e interpretación: que estean capacitadas para enxergar e entender todo tipo de datos en todo o seu alcance e aplicar, ante retos, solucións intelixentes inmediatas. O produto en cuestión chámase API Harmony é xunta un conxunto de solucións e servizos API (Interface de Programación de Aplicacións) baseados na nube. En palabras de IBM, API Harmony achega “unha experiencia de desenvolvemento única”. E faino empregando tecnolóxicas cognitivas como o mapeado e o gráfico intelixentes. A idea é axudar aos desenvolvedores “a adiantarse ás súas necesidades cando se enfronten á creación de novas aplicacións”.
Segundo fai saber IBM nun comunicado, as API constitúen un mercado en espallamento que moverá en 2018 a cifra de 2.200 billóns de dólares, experimentando a cifra de empresas que contan con elas un medre do 150% durante os vindeiros dous ou tres anos. “Trátase de compoñentes de software que funcionan coma un pegamento tecnolóxico, integrando información e lóxica empresarial para conectar sistemas de múltiples empresas mediante aplicacións en calquera dispositivo a través da nube”, explica a multinacional, que engade que a aposta de IBM ofrecendo novos servizos para que as compañías saquen meirande proveito da economía das API “pon os alicerces para que as contornas na nube se xunten, achegando unha integración consistente con independencia da infraestrutura cloud que se empregue”.
Nun plano máis concreto, IBM salienta que entre as solucións acabadas de presentar cómpre destacar a solución de estratexia (os consultores de IBM que forman parte da nova era cognitiva farán uso dun modelo de adopción para identificar oportunidades clave e avaliar o estado de madurez dos clientes no seu camiño cara á economía das API), a solución de tecnoloxía (IBM incorporou “por vez primeira” capacidades de aprendizaxe automática na súa tecnoloxía API Harmony para axudar aos desenvolvedores a usar tecnoloxía de procura intelixente e así atopar APIs con rapidez e facilidade”) e a solución de ecosistema (a multinacional lembra que colabora con Linux Foundation e as principais organizacións de estándares abertos para ofrecer unha plataforma de creación, xestión e integración de APIs abertas). “”

PUBLICIDADE