Huawei vendeu máis de 200 millóns de smartphones en 2018

mércores, 26 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Ken Hu, director de quenda de Huawei, insiste en que a súa compañía é de confianza para o desenvolvemento das futuras redes 5G

Os fabricantes chineses de tecnoloxía móbil ZTE e Huawei tiveron un ano moi complicado polas súas malas relacións cos EE.UU., que correu un veo de sospeita sobre as compañías asiáticas ante futuras inxerencias do seu goberno en operacións de espionaxe globais, comprometendo a seguridade das redes de telecomunicacións, á vez que tamén realizaron operacións para sancionar ás compañías por ter comerciado con países sobre os que están vixentes embargos económicos.
Pero dende Huawei queren deixar claro que confían no seu futuro, e veñen de dar conta que o seu 2018 foi un ano record¸ con máis de 200 millóns de smartphones colocados no mercado (fronte aos 153 millóns de 2017), dos que 16 e 5 millóns correspondían aos Huawei P2 e Mate 20 respectivamente, ou sexa, que conseguiron convencer ao mercado de apostar polos seus dispositivos de gama alta.
Estes bos resultados teñen especial mérito xa que en mercados como o estadounidense a compañía está practicamente ausente, de xeito que entendemos que están a ter unha aceptación especialmente boa en Europa e, por suposto, na súa terra natal.
Dende Huawei insisten que continúan a ser o principal provedor mundial de tecnoloxía para redes 5G, e rexeitan as acusacións dos gobernos que apuntan aos perigos de confiar na compañía, salientando que as propias autoridades chinesas aseguraron que a lexislación vixente non pode forzar a Huawei a introducir portas traseiras no seu hardware. Tamén insisten en que todas as acusacións realizadas até o momento carecen de evidencias

PUBLICIDADE