Huawei vende máis smartphones que Apple a nivel mundial

mércores, 1 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Aínda que os resultados financeiros de Apple para o segundo trimestre do ano son moi positivos, cun incremento en ingresos do 17%, isto non é consecuencia do incremento das vendas, senón do incremento de prezos dos iPhone e, moi especialmente, do elevadísimo prezo do iPhone X, o que supón que Apple estaría a perder peso no mercado, o que coincide cos datos de Strategy Analytics, de Canalys e de IDC, que coinciden ao destacar que Huawei conseguiu converterse no segundo fabricante de móbiles a nivel mundial, arrebatando tal posición a Apple.
Móbiles como o Huawei P20, que conseguiu converterse en todo un referente, e terminais populares como os P10, P9 e os da marca Honor, permitirían que a compañía chinesa incrementase o volume de terminais vendidos nun 41%, o que non conseguiría precisamente a costa de Apple, senón de Samsung (que cae un 8%) e de fabricantes cativos (que o teñen cada vez máis difícil para competir cos xigantes chineses).
O ascenso de Huawei é moi importante xa que é a primeira vez en 7 anos nos que Samsung e Apple non comparten o liderado do mercado de smartphones, e ten especial mérito se temos en conta que nos EE.UU. teñen practicamente vedados os dispositivos de Huawei, o que indicaría que o seu crecemento no resto de mercados estaría a compensar o boicot que padece por parte do Goberno dos EE.UU.
Pero nas seguintes posicións tamén houbo un enroque, e agora temos como o fabricante en cuarta posición a nivel mundial é Xiaomi, con 32 millóns de unidades vendidas e unha cota de mercado do 9,1%, mentres que Oppo queda nun quinto posto con 30,2 millóns de unidades e unha cota do 8,6%, o que semella consecuencia directa da expansión de Xiaomi por mercados como os europeos, onde os seus produtos son auténticos supervendas.

PUBLICIDADE