Huawei podería usar os mapas de TomTom nos seus móbiles no futuro

luns, 20 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Os últimos meses foron moi problemáticos para Huawei a nivel internacional por mor das medidas impostas polos Goberno dos EE.UU. que impiden que compañías como Google ou Facebook subministren a súa tecnoloxía para os móbiles da empresa chinesa, levando a que os novos modelos de móbiles teñan que comercializarse sen os servizos de Google, e aínda que o bloqueo estadounidense podería chegar a levantarse nas vindeiras semanas por mor dos acordos para rematar coa guerra comercial entre China e EE.UU., Huawei non para de avanzar para conseguir mitigar os efectos das sancións, e agora aseguran que pecharon un acordo coa compañía holandesa TomTom para a subministración dos seus servizos de mapas para smartphones.
Dentro de China os servizos de Google están prohibidos, polo que Huawei conseguiu manter unha forte presenza no seu principal mercado, pero a nivel global atopou practicamente imposible colocar os seus novos móbiles insignia, xa que presentan carencias moi graves ao non contar os servizos que facilitan a instalación doada de aplicacións que para a meirande dos cidadáns europeos son fundamentais no móbil como Google Maps, WhatsApp, Facebook, Instagram...
Agora que se aproxima a presentación dos novos móbiles insignia de Huawei semella un bo momento para dar conta de negociacións como as que pecharon con TomTom (que tiveron lugar tempo atrás, pero recoñecéronse agora), para que os consumidores teñan unha maior confianza en Huawei á hora de mercar un novo smartphone, aínda que o reto da compañía chinesa será difícil de superar, como demostra o feito de que en mercados como o español o fabricante pase dun sólido posto nº 2 en vendas (con posibilidades de superar a Samsung) a un discreto posto nº 4.

PUBLICIDADE