Huawei podería pechar as súas tendas españolas

luns, 28 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Dende o veto estadounidense a Huawei, a compañía chinesa vende cada vez menos en Europa, e hai un par de anos xa se comentaba que a compañía vendía menos do 5% dos smartphones en España (cando no pasado tiña chegado a ser a compañía líder, superando a Samsung en vendas), de aí que a moitos sorprendíalle que a empresa non decidise abandonar o noso mercado, algo que estaría por fin a cambiar, e segundo publica El Confidencial, Huawei estaría a recortar o seu cadro de persoal e prepara o peche das súas tendas en España.
Huawei tería vendido en 2021 un 85% menos de móbiles que en 2020, de xeito que actualmente nin sequera chega ao 1% das unidades vendidas en España, de aí que non teña sentido manter a estrutura que a compañía chinesa ten actualmente, polo que aseguran que Huawei está preparándose para reducir a súa división de consumo á mínima expresión, así como pechar en 2023 as grandes tendas de Huawei en Madrid e Barcelona, que curiosamente abriron despois do veto estadounidense, nun momento no que a empresa chinesa era optimista e pensaba que sería posible facer negocios fóra das súas fronteiras pese ás restricións impostas (que non crían que puidesen manterse a tan longo prazo).
Cómpre salientar que os problemas de Huawei só afectan aos dispositivos móbiles, xa que non poden gozar dos servizos de Google en Android, algo fundamental para os consumidores (e tampouco poden vender móbiles 5G, ou sexa, que nos seus móbiles insignia contan con procesadores de alta gama, pero coa conectividade 5G desactivada de fábrica). En contraste, para equipos informáticos levantáronlles as restricións, de xeito que si poden vender ordenadores con Windows, e tampouco teñen problemas para vender monitores, reloxos conectados e outros accesorios, polo que seguen a poder facer negocios no mercado da electrónica de consumo, pero nunha escala moito menor que a que tiñan anteriormente, dado o dinamismo e o volume de negocio dos móbiles.
Haberá que agardar para ver cal é o futuro de Huawei en España, pero non sorprendería que simplemente desaparecese como a empresa actual e remate dirixindo todas as súas operacións europeas dende unha única oficina internacional, como xa fixeron outros fabricantes nos últimos anos.

PUBLICIDADE