Huawei impulsa unha plataforma que permitirá aos fabricantes chineses independizarse da tenda de aplicaicóns de Google

xoves, 6 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O veto estadounidense está a provocar grandes problemas a Huawei, compañía que, en vista de non poder contar coa tenda de aplicacións de Google Play, está a optar por reforzar unha tenda de aplicacións propia, chegando a asegurar que aínda que os EE.UU. retiren as sancións contra eles, manterán a súa estratexia de independización dos servizos de Google, para evitar que outros incidentes semellantes poidan ter efectos perversos no futuro.
Pero dende Reuters aseguran que Huawei non está soa, senón que Xiaomi, Oppo e Vivo tamén estarían a avanzar na mesma dirección, xa que estas empresas chinesas estarían a traballar na creación dunha plataforma común para que os desenvolvedores de aplicacións de fóra de China poidan subir as súas aplicacións ás distintas tendas de aplicacións chinesas de xeito simultáneo, co que pretenderían rachar o monopolio de facto da tenda de aplicacións de Google.
Dado que as empresas mencionadas por Reuters están xuntas na Global Developer Service Alliance, as informacións publicadas teñen bastante credibilidade, e aínda que aseguran que inicialmente estrearían esta nova plataforma de aplicacións en mercados como o da India ou o de Rusia, será interesante ver se os fabricantes chineses prefiren optar por esta nova solución en vez de confiar en Google ao vender móbiles fóra de China.
Cómpre salientar que no último trimestre do ano as compañías aliadas serían as fabricantes do 40,1% dos móbiles colocados no mercado, polo que parece razoable que tenten aproveitar esta situación ao máximo, para manter as súas operacións na China o máis independentemente posible dos axentes de países como EE.UU.

PUBLICIDADE