HortiHouse trunfa no HackForGood Big Day 2023

luns, 25 de setembro do 2023 Redacción

Nicolás Oriol (Telefónica España) entrega o premio a María Cabrero e Jesús Valverde.

O gañador dos Premios HackForGood Big Day 2023 foi o proxecto HortiHouse, ideado polos alumnos da Universidade de Vigo María Cabrero e Jesús Valverde, que permite xestionar invernadoiros intelixentes na contorna do fogar. Trátase dunha aplicación que controla todos os parámetros e dispón de programas específicos para desenvolver correctamente os cultivos nas súas diferentes fases de maduración. Grazas ao gañar o primeiro premio no VIII Hackathon de HackForGood, Hortihouse tivo a oportunidade de competir na edición nacional, onde participaron os proxectos gañadores de 26 universidades españolas.
O segundo premio foi para Depresu, da Universidade de Castela-A Mancha, plataforma dixital accesible para mellorar a saúde mental das persoas, mentres o terceiro correspondeu a E-Lab, da Universidade de Salamanca, proxecto que brinda experiencias que esperten a curiosidade e consoliden o coñecemento, convertendo o proceso de aprendizaxe nunha experiencia inmersiva, interactiva e inspiradora.
Os equipos defenderon os seus proxectos, segundo establecían as bases, nun elevator pitch, unha presentación en público e a proxección dun vídeo resumen das súas iniciativas, que se celebrou o pasado venres. Para a valoración final, a presentación supuxo un 60% e o Business Plan, que debía enviarse previamente, o 40%.
A dotación dos tres premios é de 5.500, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente. Ademais, os tres equipos gañadores terán unha participación e visibilidade especial nos actos da Rede de Cátedras Telefónica dentro do Centenario de Telefónica, que se celebrará en 2024.
Con estes premios culmina a oitava edición do hackathon HackForGood, organizado pola Rede de Cátedras Telefónica e que este ano congregou a máis de 1.000 mozos (alumnos de universidades da Rede de Cátedras e de Campus 42) que se enfrontaron a un centenar de retos tecnolóxicos con fins sociais.
Na entrega de premios participaron Nicolás Oriol, secretario xeral e director de Regulación de Telefónica España; Antonio Bengoa, director de Relacións Institucionais de Telefónica España; e Inés Temes, directora de 42 España.

PUBLICIDADE