Hitachi, Adobe, Cisco e Portugal Telecom, entre as empresas máis éticas

martes, 26 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

A entidade internacional Ethisphere Institute vén de dar a coñecer a súa listaxe de compañías que máis e mellor aplican os principios éticos básicos nas súas actividades. Dáse a circunstancia, se cadra por unha relación máis íntima co coñecemento (e as contornas da reflexión, que por aí andan, preto do coñecemento), se cadra por estar máis en contacto coas novas metodoloxías empresariais que cinguen o ofrecemento de traballo e o de calidade de vida (esa posibilidade de traballar a distancia e dende o fogar, ese máis ou menos bo ambiente), de que unha parte importante das firmas incluídas na listaxe son firmas TIC, de servizos innovadores ou electrónica. O malo do asunto, para nós, é que son firmas que adoitan a estar ben lonxe, xeralmente en Estados Unidos ou en Xapón. Por exemplo Hitachi, Adobe ou Cisco.
Para figurar nesta clasificación, cómpre ter salientado na promoción de estándares empresariais éticos, mínimos de conformidade legal e, en xeral, boas prácticas a tódolos niveis. A listaxe deste ano está constituída por 145 compañías, algunhas das cales, como General Electric ou Starbucks, recuncan dende hai anos. No caso de Hitachi, como sinalan fontes da propia empresa respecto deste recoñecemento, as razóns do mesmo débense ao labor e compromiso da firma en materias como as boas prácticas de ética empresarial, de responsabilidade social corporativa, de anticorrupción e de sustentabilidade. Lembrar que a compañía foi elixida da man da revista Fortune, por segundo ano consecutivo, como unha das mellores cen empresas mundiais para traballar. Amais das devanditas, tamén figuran na listaxe o servizo de compravenda eBay, Intel, Juniper Networks, Microsoft, Wipro, Texas Instruments, Teradata, Ricoh e Portugal Telecom. Sobre esta última firma, non deixa de ser significativo que na listaxe aparecen compañías portuguesas no canto de españolas, por moito que aquí non paremos (logo de tantos anos) de ollar por enriba do ombreiro ao país irmán, estando como están, en termos de innovación e desenvolvemento e de poboación activa empregada, mellor que España.
Polo que respecta a Ethisphere Institute, sinalar que é un centro de estudos internacional líder adicado á creación, fomento e difusión das mellores prácticas en ética empresarial, responsabilidade social corporativa, anticorrupción e sustentabilidade. Ethisphere Magazine, que publica o coñecido Ranking das Empresas Máis Éticas do Mundo (World?s Most Ethical Companies Ranking?), é a publicación trimestral do Instituto. Ethisphere é o único que ofrece verificacións externas dos programas de cumprimento e culturas éticas que inclúen: Ethics Inside Certification, Compliance Leader Verification and Anti-Corruption Program Verification.

PUBLICIDADE