Hispasat e Eurona queren equipar o noso rural con Internet por satélite de 30 Mbps
xoves, 5 de xullo do 2018
A
fenda dixital existe porque existe un descoñecemento sobre as
posibilidades da tecnoloxía satélite. Esta foi unha das principais
conclusións ás que chegaron hoxe, nun almorzo de prensa en
Santiago, os responsábeis de Hispasat, Eurona e FENITEL: unha rolda
cos medios nas que quixeron dar conta das potencialidades para o noso
rural e para o noso mar (os barcos galegos en altamar) da banda Ka
satelital: unha tecnoloxía que chega ao noso fogar ou empresa en
canto a solicitamos, que fornece velocidades de 30 Mbps e que ceiba a
todos os axentes implicados dos grandes custos que implican as
instalacións de fibra até o fogar. Segundo lembraron as ditas
compañías, o 37% da poboación galega está hoxe fóra da meta dos
30 Mbps e moitos fogares e empresas non teñen nin sequera conexións
de 10 Mbps. Existe solución inmediata a isto? “Sen dúbida si”,
coincidiron.
Na
cita, que serviu de presentación en Galicia da iniciativa Conéctate
por satélite, participaron Ignacio Sanchís, director de Negocio
de Hispasat, Aquilino Antuña, director de Desenvolvemento de Negocio
de Eurona, e Miguel Ángel García Argüelles, director xerente da
Federación Nacional de Instaladores de Telecomunicacións, FENITEL.
Os tres abriron o almorzo de prensa anunciando que os ditos
operadores ofrecerán Internet de banda larga por satélite a máis
de un millón de persoas da nosa terra que, aínda hoxe, non
desfrutan dunha “conexión rápida e eficiente”. Na xuntanza
tamén participou o edil do Concello de Santiago Jorge Duarte,
interesándose polas posibilidades da oferta para o rural
compostelán.
Abriu
as quendas Ignacio Sanchís, informando aos presentes de que, no
canto do que acontecía hai uns cantos anos, “na actualidade
Internet deixou de ser un luxo” e converteuse nun servizo básico
que, aínda que pensemos que non, está xa ao alcance da man de gran
parte das nosas empresas e fogares. Porén, dixo, dáse a
circunstancia de que malia esta dispoñibilidade, seguen a existir
amplas franxas de poboación rural que aínda non contan con Internet
de alta velocidade, un feito que só se explica polo “descoñecemento
das potencialidades actuais do satélite”. Segundo apuntou, este
tipo de servizo é “idóneo para cubrir zonas rurais, xa que achega
cobertura universal en chairas, vales e montañas; e é rápido de
habilitar, xa que só precisa da instalación dunha antena conectada
a un router, sen que sexa necesaria obra civil algunha”. A
estas vantaxes Sanchís engadiu o factor prezo: “Estes servizos
puideron ser caros hai anos, pero xa non son son e nos últimos anos,
de feito, deuse un chimpo significativo”.
Na
cita tamén falou Aquilino Antuña e abriu a súa quenda facendo un
chamamento a desbotar “dunha vez por todas” a vella crenza de que
a fenda dixital que separa as zonas rurais das urbanas, a terra do
mar, non ten solución. “O remedio xa está aquí e se pode poñer
en práctica en cuestión de días”, dixo, facendo un repaso polos
traballos da súa empresa en países africanos, onde se emendou
decontado o problema endémico da des-conectividade achegando
tecnoloxía por satélite a amplas franxas xeográficas do rural. Ao
seu xuízo, o cambio nestes países introducido pola banda larga foi
absolutamente “radical”, e de súpeto sentáronse os alicerces
para unha suba no nivel de educación, na riqueza, na empregabilidade
e mesmo no PIB.
Segundo
explicou Antuña, os fogares e empresas galegos que queiran desfrutar
destes servizos, poden facelo chamando a Eurona e poñer en marcha
(de man da propia empresa) a cuestión da tramitación de axudas e
solicitudes. O servizo básico mensual, explicou, vai dos 29 euros
até paquetes máis potentes de entre 70 e 80 euros. “O noso
servizos chega ao fogar, logo de ser solicitado, en cuestión de
días”. Antuña rematou a súa intervención facéndose a seguinte
pregunta: “É rendíbel chegar con fibra óptica a unha aldea ou
núcleo de poboación de dúas ducias de persoas onde se cadra só
será contratada Internet por cinco ou seis veciños, con todo o que
cómpre facer de investimento, procedementos e obra civil?”. “Se
cadra”, engadiu, “non semella moi rendíbel”.
Pechou
a rolda de intervencións Miguel Ángel García Argüelles, director
xerente da Federación Nacional de Instaladores de Telecomunicacións,
quen fixo fincapé nas cousas que se poden facer con 30 Mbps: “Igual
esta capacidade medida de conexión non se pode comparar cos 300 Mbps
que pode subministrar a fibra, pero está claro que para moitas
familias e fogares o importante é contar cunha tecnoloxía que lle
solucione os seus problemas o máis axiña posíbel e que lles
permita resolver, con rapidez e eficiencia, moitos dos requirimentos
básicos e avanzados que lle demandan á Rede”.
A
banda Ka
Segundo
coincidiron, a banda Ka satelital preséntase como “a mellor
alternativa para dar servizo de acceso a Internet a zonas remotas ou
pouco poboadas onde non hai outras opcións tecnolóxicas, xa que, ao
ser máis potente e concentrada que outras bandas de frecuencia,
permite unha maior velocidade e un custo máis axustado, resultando
moito máis eficiente e facilitando un mellor servizo ao usuario”.
Hispasat ten capacidade dispoñíbel en banda Ka sobre España en
dous dos seus satélites, o Hispasat 36W-1, lanzado o ano pasado, e o
Hispasat 30W-6, que se puxo en órbita hai catro meses.
Co
recente acordo acadado entre Hispasat e Eurona para comercializar a
banda Ka destes satélites, esta última convértese no operador con
maior capacidade satelital en Europa, “o que será clave para
democratizar o acceso a Internet en España”.