Hiboutik, o TPV de balde baseado na Internet

mércores, 11 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Os emprendedores que estean a montar o seu primeiro establecemento de venda ao público poderán contar cunha interesante solución para informatizar as vendas, pois a plataforma en liña de terminais de punto de venda (TPV) Hiboutik está xa dispoñible dende España de balde para a súa versión básica, que conta coas funcionalidades máis habituais como unha caixa rexistradora, a impresión de tickets e facturas, xestión de múltiples pagamentos, xestión de devolucións, xestión de cartos en efectivo, inventario... sendo compatible con practicamente todo o hardware de TPV que podemos atopar no mercado (como lectores de códigos de barras, impresoras térmicas, caixas para o efectivo...).
Esta interesante solución está baseada na Internet, de xeito que non precisa de instalación, e pode empregarse tanto nun ordenador como nun tablet, resultando moi versátil e, para os usuarios máis esixentes conta con funcionalidades premium, como o xeito de poder ampliar as súas funcións con módulos de estatísticas e contabilidade (por 9,90 euros/mes) ou incorporar a xestión de múltiples tendas (por 9,90 euros/mes/tenda), prezos bastante axustados para unha solución que non precisaría de ningún mantemento especial máis aló de contar con acceso á rede e que, aparte de poder empregarse en tendas, tamén conta con módulos para restauración (cos que xestionar o servizo de mesa e barra e o servizo de cociña).

O sistema de Hiboutik é compatible co hardware habitual de TPV

PUBLICIDADE