Henrique Neira presentou Historia da Informática no Culturgal

luns, 4 de decembro do 2017 Redacción

O xornalista Henrique Neira na presentación do libro /Imaxe de Esteban Vázquez

Este sábado o xornalista Henrique Neira ofreceu unha charla na feira Culturgal de Pontevedra arredor do libro Historia da Informática. Unha cronoloxía, do que temos falado en Código Cero salientando que se trata dunha exhaustiva e pormenorizada cronoloxía arredor da historia da computación en Galicia, unha historia que, lonxe do que poidamos pensar nun primeiro intre, remóntase a épocas tan remotas coma a do megalítico, no que xa hai probas de coñecementos matemáticos complexos, o xermolo da actual informática. O estudo, de máis de duascentas páxinas, foi escrito polo propio Neira baixo a coordinación de Javier García Tobío e Fernando Suárez, vogal e presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), respectivamente.
O libro, alén do acto celebrado en Culturgal esta fin de semana, foi presentado por vez primeira en xullo do ano pasado, da man do colexio, nun acto no que estiveron convocados autoridades académicas e políticas, colaboradores, colexiadas e colexiados, amais de representantes do sector TIC, baixo a presidencia do titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo. A presentación tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
A obra non só recolle os primeiros pasos da informática moderna en Galicia, senón que tamén dá conta de momentos moi representativos da nosa andaina dixital, como o proxecto Telegal que a partires do ano 1979 buscaba implantar a Informática nas escolas, a posta en marcha do CESGA (e os seus distintos fitos evolutivos), a celebración de feiras tecnolóxicas na nosa comunidade, a modernización das redes de telecomunicación no noso territorio, a creación do dominio .gal, a participación da Universidade de Vigo na construción de varios picosatélites ou incluso a demostración do funcionamento nun coche autónomo de PSA-Citroën. Tamén recolle algunhas importantes contribucións profesionais da nosa terra, como por exemplo a carreira despregada pola compostelá Ana María Prieto López, que, tras facer un curso de COBOL, converteuse na primeira muller programadora da empresa Bull General Electric (en Madrid) e a primeira galega en programar computadores.

PUBLICIDADE