HealthyFit (UVigo) avaliará as vantaxes do exercicio con Realidade Virtual en persoas con dano cerebral

martes, 20 de febreiro do 2024 S. P.

O grupo de investigación HealthyFit, integrado por investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, segue a dar pasos relevantes nunha das súas grandes liñas de traballo: sacar proveito da integración nos programas de exercicio físico dos dispositivos de Realidade Virtual, poñendo o foco en diferentes colectivos, como poboación anciá ou persoas afectadas por párkinson. Nun proxecto pioneiro, promovido pola Cruz Vermella de Lugo, o grupo buscará agora avaliar os efectos en pacientes con dano cerebral adquirido dun programa de “estimulación mutisensorial, que combina a actividade física e a cognitiva”, como explica José María Cancela, investigador principal do grupo.
Este “estudo piloto” levarase a cabo no Centro de Dano Cerebral da Cruz Vermella en Lugo e nel participarán pacientes que presentan “un conxunto de secuelas en múltiples áreas funcionais, provocadas por lesións cerebrais”, derivadas de ictus, traumatismos cranioencefálicos ou encefalopatías. “O que se quere facer é un programa específico de estimulación multisensorial, no cal realizan exercicio físico e, ao mesmo tempo, teñen que tomar decisións”, apunta Cancela, que incide en que se ben diferentes estudos teñen afondado nos efectos da actividade física nesta poboación, non existen traballos centrados nun programa que incorpore o uso duns lentes de “realidade virtual inmersiva”, combinados nestes caso co traballo cun “cicloergómetro intelixente”.
Cunha duración de 24 semanas, o proxecto arrancará nas vindeiras semanas cunhas sesións iniciais que buscan en primeiro termo que as e os participantes poidan familiarizarse cos cicloergómetros que van a empregar. Estes permitirán levar a cabo, dun xeito seguro e asistíndolles no pedaleo de ser preciso, sesións de actividade física centradas nos seus membros inferiores ou superiores, dependendo do grao de afectación de persoas que poden presentar hemiplexía nalgunha das súas extremidades.
Unha vez familiarizados cos equipos, desenvolverase un programa de 21 semanas, con dúas ou tres sesións por semana, no que se empregarán unha serie de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física, nunhas lentes de Realidade Virtual. Estas permiten á súa vez combinar o traballo físico co cognitivo, xa que durante as sesións deberán ir respondendo unha serie de preguntas ou tomando decisións no marco do propio xogo. Xunto a unha avaliación intermedia, centrada na utilizabilidade e experiencia co dispositivo, as e os participantes realizarán ao inicio e ao final do programa unha serie de tests, dirixidos a coñecer unha posible evolución en aspectos neurocognitivos e funcionais, así como na súa calidade de vida.
Nestas semanas, os investigadores e os profesionais da Unidade de Atención a Pacientes con Dano Cerebral Adquirido da Cruz Vermella traballan na selección das e dos preto de 20 pacientes que tomarán parte nun proxecto que, como recoñece Cancela, “abre unha nova liña de traballo, que iniciamos evidentemente con moita cautela”, dada a ausencia de estudos previos. Non obstante, o investigador pon tamén o foco no potencial deste tipo de ferramentas á hora de integrar o exercicio físico no traballo con persoas “cunhas limitacións funcionais bastante elevadas”.

PUBLICIDADE