HardManiacos: web de raíz galega para a promoción e análise de hardware

martes, 14 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

HardManiacos é unha web botada a camiñar en outubro do ano pasado, que se orienta a facilitar respostas para a seguinte pregunta: que equipamentos informáticos e tecnolóxicos escoller? A web, que vén da man dun grupo de internautas de Pontevedra, pon ao alcande dos internautas infoprodutos e videoanálise de trebellos tecnolóxicos. A intención do equipo promotor deste sitio é convertelo “en espazo de referencia futuro para tódalas vendas en liña do eido peninsular e de Latinoamérica”.
A páxina web en cuestión, que segundo nos contan os responsábeis da mesma está a participar arestora en varios certames estatais de ideas emprendedoras (como o da AUI), atópase aínda en fase beta, de desenvolvemento, e a previsión é de que vaia cada pouco dando acubillo a funcións novas.
O obxectivo, avánzanos Alex Rivas, director de marketing da iniciativa, é darlle forma a unha alternativa de crecemento para tempos de crise. E engade: “HardManiacos xorde dunha necesidade propia de conseguir información de valor dun produto que está no mercado, relacionado co e-comercio, e do que non temos moitos datos”. A web, conta Rivas, parte dunha realidade que está xa fóra de toda dúbida: a Internet está inzada de webs, plenamente afianzadas, que non afinan a súa actividade no estudo e na opinión dos produtos. O equipo responsábel desta nova web galega púxose en marcha coa idea de pórlle solución a esta eiva, procurando consolidarse como escaparate das tendas que apostan polo comercio electrónico.
A todo isto cómpre sumar un traballo en preparación que complementaría a devandita vontade de darlle algo práctico á comunidade internauta: o desenvolvemento dunha biblioteca sobre todo tipo de produtos tecnolóxicos, presentados a través de vídeo-reviews, e todo, coa idea de darlle forma, nun futuro, a unha televisión en liña de reviews de todo o conxunto do Estado. Aquelas, informan, poderán abranguer a máxima extensión posíbel dos seguintes eidos temáticos: a informática e o hardware de consolas.

PUBLICIDADE