Handytronic desenvolve unha cadeira de rodas smart guiada por ondas cerebrais

martes, 28 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

A cadeira de rodas intelixente desenvolvida ao abeiro da Cátedra Handytronic da UDC e TeleconO grupo galego Telecon, do que falamos recentemente en Código Cero para dar conta do seu acordo coa Universidade da Coruña arredor da marca Handytronic (centrada no desenvolvemento e distribución dun amplo e innovador catálogo de solucións de mobilidade para persoas dependentes ou con diversidades funcionais), vén de achegar unha importante novidade tecnolóxica ao abeiro desta marca de seu. Trátase dunha cadeira de rodas intelixentes guiada por ondas cerebrais.
Segundo lembran dende Telecon, “empregar tecnoloxías que marquen un antes e un despois para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais e promover o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva é a razón de ser de Handytronic”. Agora, respecto da dita cadeira de rodas, o seguinte paso é obter unha solución comercial economicamente alcanzábel para os usuarios potenciais.
O alicerce do proxecto é unha conxunción entre as máis avanzadas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), os últimos avances en Neurociencia e máis os recentes achados en materia de Intelixencia Artificial. O resultado dos traballos de Telecon-Handytronic é unha plataforma de encefalografía que é quen de captar os impulsos eléctricos do cerebro, interpretalos e transformalos en ordes. Estes impulsos, grazas a un software específico, actúan directamente sobre o sistema de guiado da cadeira de rodas.
Segundo informa Laura Montes, programadora xefa do proxecto, “a interface cerebro-computadora na que estamos a traballar permitiranos non só completar o desenvolvemento da cadeira de rodas, senón tamén, a medio prazo, acometer proxectos para a detección temperá da deterioración cognitiva”. Pola súa banda, Jacobo Penide, director xeral da firma, engade que “a vocación e o compromiso de Handytronic é facer a vida máis doada a aquelas persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional”. Segundo fai saber, “a neurociencia e a intelixencia artificial proporciónannos as bases tecnolóxicas necesarias para desenvolver solucións non só efectivas, sen tamén sustentábeis desde un punto de vista económico”.
Respecto do prototipo no que traballa a día hoxe Handytronic, está integrado por unha cadeira de rodas motorizada, un casco con 14 electrodos, unha tableta cun software específico e máis un hardware de integración. Segundo explican Montes e Penide, a conexión entre o casco e o computador é unha conexión sen fíos, a través do protocolo Bluetooth.
A medio prazo, e de face ao fornecemento dunha solución comercial, está prevista a substitución do casco por unha diadema ou parche, que, segundo engaden dende Handytronic, “resultará máis cómodo para o usuario”.
Os responsábeis da marca tamén fan saber, respecto da entrada en xogo da intelixencia artificial, que a inclusión desta na interface cerebro-computadora permite que “o software aprenda das rutinas mentais do usuario, adaptándose a el e reducindo así o tempo de adestramento necesario para o manexo da cadeira, posibilitando ao mesmo tempo que o sistema recoñeza diferentes usuarios, afacéndose a cada un deles”.
Para quen queira ver o funcionamento do dispositivo, Handytronic ten un vídeo específico en Vimeo.

PUBLICIDADE