Hajar Brown, referente nas redes sociais, visitou Santiago da man da Fundación Araguaney

martes, 7 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas pon en marcha neste 2023 o ciclo de conferencias Mulleres na cima co apoio do Concello de Santiago e a colaboración da Universidade (USC). Ten o obxecto de achegar a sociedade en xeral, e en especial a mocidade, a opinión que destacadas mulleres (líderes sociais e culturais, científicas, artistas e académicas) teñen sobre os temas de maior interese no ámbito da igualdade, así como coñecer as súas experiencias profesionais, os seus retos de superación e o seu labor vinculado ao apoderamento da muller.
A primeira conferencia celebrouse este martes 7 de febreiro na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, presentada pola delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez Pereiro. No seu relatorio, titulado Influencer da igualdade, Hajar Brown falou sobre a nova realidade do sector audiovisual e como afecta á sociedade. Analizou o contexto actual e deu ao alumnado as ferramentas necesarias para combater estas cuestións de igualdade de xénero.
Filla de pais marroquís, Hajar Brown (Madrid, 1996) está finalizando os seus estudos de enxeñaría civil, ademais de ser influencer con máis de cen mil seguidores en TikTok e Instagram, e realizar traballos no mundo da interpretación, entre os que destaca a serie SKAM. Comezou tratando temas sociais como muller española-musulmá, ata que atopou o seu camiño e converteuse nunha voz necesaria para moitas persoas.
“A miña realidade entre os dous mundos é enriquecedora, aínda que sempre me prexudicou en todas as áreas da miña vida porque o racismo sempre está latente. É unha situación que non se soporta, arrástrase e téntase día a día desfacerse dese peso”, confesou.

PUBLICIDADE