HackforGood reúne no Campus de Vigo 80 hackers solidarios

venres, 10 de marzo do 2017 Redacción

Estes días celébrase no Campus de Vigo a edición galega de HackforGood (a terceira), o maratón de desenvolvedores e hackers unidos, nun mesmo emprazamento e nas condicións máis axeitadas de colaboración, para atoparen solucións, servizos e aplicacións que contribúan a un mundo mellor e máis igualitario (hacking en clave positiva e solidaria). No evento estanse a reunir máis de 80 estudantes. Durante tres xornadas traballan na “creación de apps que fagan uso masivo de datos e teñan un grande impacto social”, sinala a Universidade de Vigo, engadindo que a finalidade “é responder a retos globais previamente rexistrados dende calquera parte de España”. A iniciativa, que arrancou onte xoves, está promovida por Telefónica, xunto coa ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a firma innovadora MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo.
Este venres levouse a cabo o acto institucional de inauguración no edificio Miralles coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Esta última explicou que no evento “participan 1.200 alumnos de 22 universidades reunidos en 14 sedes en toda España”, e animou aos asistentes a seguir sendo hackers “bos, audaces e solidarios” e a “traballar con entusiasmo nestes tres días e sacar o máximo partido a este tipo de iniciativas, que teñen moitísima repercusión social e moita aceptación”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu o “apoio e confianza” de Telefónica para o “talento que xurde da nosa Universidade a través da cátedra Telefónica” e destacou igualmente a importante implicación do alumnado.
Os 16 grupos de traballo que participan ata mañá sábado no HackforGood en Vigo compiten tanto polos premios locais (2.000 euros entre os tres mellores de cada sede) como globais (8.000 euros entre os tres mellores), os de continuidade e os temáticos, que no caso de Vigo serán Premio á Innovación, á Innovación Enerxética e ao Desenvolvemento Sostible. Para chegar a ser un dos gañadores, o equipos deberán propoñer solucións innovadoras a retos sociais e deben ser quen de presentar en sociedade este sábado nun vídeo de dous minutos.
De xeito complementario ás horas de traballo participarán en obradoiros e relatorios, entre eles o de Chema Alonso, chief data officer de Telefónica, que participou a través de videoconferencia. Ademais, para axudar aos estudantes a desenvolver as súas ideas, contan coa axuda dun equipo de docentes da Universidade de diversas disciplinas, dende enxeñaría, a mercadotecnia, comunicación ou informática.
Os premios coñeceranse este sábado ás 17.00 horas.

PUBLICIDADE