Hackean a cámara de Kinect para poder empregala dende un PC

luns, 8 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Os accesorios de varias consolas de videoxogos poden empregarse con certa normalidade no PC grazas a que comunícanse a través de USB, prestación oficial no caso de periféricos coma os mandos arcade de Hori e Madcatz ou desenvolvida de xeito independente coma o caso da cámara da PlayStation 3 (que pode aproveitarse para facer videoconferencia no ordenador). Nesta última liña entra agora a cámara de Kinect para Xbox 360, que non só recolle imaxe e son, senón que tamén rexistra a profundidade creando unha especie de imaxe tridimensional da habitación na que se atopa, o que podería resultar de grande utilidade para desenvolver aplicacións para PC, de aí que Adafruit ofreza unha recompensa de 2.000 dólares para quen desenvolva uns controladores de código aberto para o uso do hardware de Kinect dende un ordenador, o que podería chegar moito antes do que pensamos, pois aínda que Kinect aínda chega ás nosas tendas o mércores, nos EE.UU. xa está á venda, o que permitiu xa aparecesen na web un par de vídeos nos que demostran o control dos motores da cámara de Kinect e a recepción da súa cámara normal e da cámara de profundidade dende un ordenador con Windows 7, polo que estarían a piques de facerse coa mencionada recompensa.
Dende Microsoft non están moi contentos con este tipo de desenvolvemento, pois queren protexer os seus produtos, pero está claro que o hardware de Kinect ten moito potencial, e así coma o mando da Wii serviu para a creación de encerados dixitais económicos, as posibilidades dun sistema de detección de movemento coma Kinect son moi amplas.


Demostración do control dos motores da cámara de Kinect dende Windows 7


Exemplo de imaxes captadas coas dúas cámaras de Kinect

PUBLICIDADE