HackForGood de Telefónica premiou catro aplicacións na Universidade de Vigo

luns, 7 de marzo do 2016 Redacción

O equipo de Handyhand, a iniciativa galega recoñecida por Telefónica

Telefónica promoveu os días pasados unha nova edición (xa van catro) do HackForGood, evento celebrado do 25 ao 27 de febreiro en diferentes puntos ou hackathóns da contorna estatal, entre eles Vigo. É preciso salientar que o HackForGood reuniu a máis de 1.000 programadores sociais e solidarios distribuídos en 14 sedes, participaron 20 universidades en máis de 300 retos e desenvolvéronse 120 proxectos. Nestes encontros premiábanse as aplicacións que contribuíran a crear un mundo mellor, no caso da cidade galega tres foron as aplicacións que foron distinguidas nos premios, trátase das ferramentas: Handyhand, TIR e Sherpapp.
Indo por partes, Handyhand é unha aplicación de impresión en 3D dunha réplica protésica, obtivo o primeiro premio outorgado na sede de Vigo. Amais, obtivo o premio nacional Unir, que dá acceso a unha bolsa para realizar un máster en enxeñaría do software e sistemas informáticos.
O segundo premio entregado na cidade olívica foi para TIR, que tamén gañou o premio nacional Open Future, ideada para axudar a vencer as fobias de persoas mediante a creación dunha contorna de realidade virtual na que se expón ao doente perante o elemento que provoca dita fobia para que este poida superar a tensión causada de xeito gradual asistido por un profesional. Esta utilidade, ademais, foi recoñecida como o reto mellor presentado.
Noutras categorías salientou a aplicación Sherpapp, que gañou o premio global SolidQ e o premio local de Innovación Social. Esta ferramenta leva a cabo unha xestión integral das prazas de persoas con diversidades funcionais na rúa e en aparcadoiros privados para persoas con mobilidade reducida de diferente consideración. Instalando nas prazas de aparcadoiro para as persoas coas ditas características motrices ou funcionais un pequeno cilindro cun sensor óptico de baixo custo (e mediante xeolocalización) poderíase levar a cabo a xestión destas prazas, o cal, sinalaron os creadores da ferramenta, permitiría deseñar a cada usuario a ruta óptima de aparcadoiro xa dende que sae de casa.
O terceiro galardón da sede foi para o programa Cyclope, que conta cun sistema de prevención de colisións por alcance para vehículos lixeiros, especialmente bicicletas e cadeiras de rodas.
En canto á edición estatal do HackForGood, cómpre sinalar que as cidades participantes foron: Madrid, Barcelona, Valencia, Alacante, Murcia, Cidade Real, Sevilla, Málaga, As Palmas, Cáceres, Salamanca, Valladolid, León e Vigo nas que se presentaron aplicacións tecnolóxicas que resolven 300 retos sociais propostos arredor do desenvolvemento de aplicacións e servizos que contribúan a crear un mundo mellor a partir do uso masivo de datos (Big Data).
O primeiro premio HackForGood Global, dotado con 8.000 euros, foi para o proxecto MyEyes (desenvolvido na sede de Valladolid) e que achega ás persoas con visión reducida unhas lentes de baixo custo (50 euros) que axudan a identificar persoas, produtos e marcas ou a ler textos atendendo ás indicacións de voz que recibe.
O proxecto Systerminal, da sede de Sevilla, conseguiu o segundo premio, de 3.000 euros. Baseado en tecnoloxía de información masiva (Big Data) e Intelixencia Artificial, a aplicación xera campañas de selección de persoal a través de probas, onde o currículo pasa a un segundo termo e os candidatos poden amosar as súas habilidades resolvendo unha serie de problemas propostos pola empresa.
Valencia foi a sede na que se desenvolveu a app Bike Explorer, o proxecto distinguido co terceiro premio, de 1.000 euros, que analiza e predí con 24 horas de antelación as bicicletas dispoñíbeis nos distintos estacionamentos de aluguer.
Os equipos deste tres proxectos obtiveron tamén o premio Telefónica Open Future, que achega mentorización persoalizada de primeiro nivel para impulsar o desenvolvemento da idea orixinal para converterse nunha startup.
Alén disto, todos os equipos gañadores serán convidados a formar parte do ecosistema de emprendemento de Telefónica (Open Future) para dar continuidade ao seu proxecto e beneficiarse dos programas de formación e tutelado da compañía, amais de conseguir financiamento adicional para os desenvolvementos, aumentar o seu networking, etc. Para unha información máis pormenorizada de cada proxecto cómpre visitar o espazo web específico de HackForGood.

PUBLICIDADE