Hab.la permite contactar co administrador dunha web mediante mensaxería instantánea

martes, 22 de abril do 2008 Marcus Fernández

Os administradores de blogs e páxinas web poden integrar nas mesmas un sistema de chat que destaca por integrarse co sistema de mensaxería Jabber (Meebo, Trillian, Pidgin, iChat…) de xeito que os usuarios que visiten a web aparecerán coma outros usuarios do servizo de mensaxería instantánea.
Cada usuario que visite unha web que incorpore o sistema de chat de Hab.la (ata un máximo de 5 á vez) aparecerá coma usuario do servizo de mensaxería e poderá así recibir as contestacións a dúbidas por par do administrador da páxina (o que pode ser útil tanto para webs particulares coma profesionais).
Hab.la é un servizo de alta compatibilidade (funciona na meirande parte de navegadores e con moitos clientes de mensaxería instantánea), protexe a identidade do usuario (de xeito que lle achega unha comunicación en vivo sen comprometer os seus datos), identifica dende que parte da web se poñen en contacto co seu administrador, é moi personalizable e, ademais, agardan ampliar a súa compatibilidade a sistemas de mensaxería coma Gtalk ou MSN Messenger.

PUBLICIDADE