HP prevé abrir vinte tendas en España nun prazo de dous anos

luns, 13 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

HP quere ampliar a liña estratéxica estreada hai unhas semanas en Barcelona coa apertura dun establecemento propio de seu, máis polo miúdo na Gran Vía de les Corts Catalanes de Barcelona, unha das máis importantes da cidade. Segundo se conta na Rede, o fabricante de impresoras e material electrónico ve grandes posibilidades na súa alianza con Pont Reyes (a empresa que comparte a xestión da dita tenda en Barcelona), polo que quere ampliar esta política de alianzas con outras firmas estatais con vistas á apertura de novas tendas exclusivas. A previsión, de feito, é abrir 200 locais en Europa, dos cales unha boa parte caerán dentro de España: arredor de 20.
En cada un dos casos prevese que HP chegue a acordos con diferentes vendedores locais co obxectivo de pór en marcha os devanditos 20 puntos de venda nun prazo de dous anos. O modelo a seguir será semellante ao aplicado con Pont Reyes: HP elixe aos socios e resérvase o dereito a fixar a feitura e o trato dos establecementos: da súa man vén o mobiliario e a formación dos traballadores das tendas. Estes locais servirán para dar conta, de primeira man, dos máis recentes produtos de HP no mercado, en calquera eido de actuación (dende computadores fixos e portátiles a impresoras, pasando por teléfonos intelixentes).

PUBLICIDADE