HP prepara o lanzamento de dous portátiles de pouco máis de un quilo

martes, 19 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Para moitas persoas que non están afeitas a manexar os aparellos da Sociedade da Información, un portátil é calquera cousa agás un portátil. Ou sexa, que só vemos carretables (fóra de toda dúbida) estes trebellos os que estamos dentro do eido dixital, en boa medida porque temos un referente previo: os equipos de sobremesa, que non hai que os mova. Leas aparte, semella que a industria vai paseniño quitándolle un gramo tras outro aos ordenadores teoricamente portátiles, até o punto de que xa albiscamos no mercado diferentes series de computadores con pouco máis de un quilo de peso, o que xa entra dentro do razoable.
Primeiro foi Dell, a semana pasada coa súa serie Latitude, e desta volta é outro grande do sector, HP, que está a presentar xa os seus equipos especialmente dirixidos para persoas que, polos motivos que sexan, van de aquí para alá cos instrumentos de traballo. Entre a nova serie de portátiles lixeiros cómpre salientar dous modelos concretos: o EliteBook 2530p (que pesa 1,3 quilos e ten batería de longa duración) e EliteBook 2730p (con 1,5 quilos e cunha pantalla a xeito de táboa táctil na que se traballa cun lapis electrónico).
Segundo anuncia Baquia.com vía Reuters, os dous equipos veñen con todo o equipamento preciso para levar a cabo un traballo en mobilidade e non coller (en consecuencia, se media un disco duro) un problema serio na columna: amais do pouco peso, inclúen conexión para redes sen fíos 3G, deseño especial para todo tipo de circunstancias externas (incluídas caídas e golpes) e lector de tarxetas profesionais que pasan a texto calquera dato sobre papel ou cartón que se introduza por unha físgoa. Os equipos estarán á venda o vindeiro mes de setembro cuns prezos de 1.500 e 1.670 dólares, respectivamente. Os dous virán co sistema operativo Vista de Windows.

PUBLICIDADE