HP mercará o negocio de impresoras de Samsung

luns, 12 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O Consello de Dirección de Samsung Electronics reunido en Seúl hoxe mesmo aprobou a venda da súa división de impresión a HP Inc. e convocou unha xuntanza xeral de accionistas extraordinaria para o mes de outubro para poder aprobar a segregación do negocio. Con esta operación Samsung pretende centrarse nos seus negocios principais, de xeito que prevén que a partires do 1 de novembro a unidade de impresión empresarial poida separarse, vendendo o 100% das súas participacións a HP, o que permitirá que HP continúe a empregar a marca Samsung nas impresoras que venda en Corea do Sur unha vez que a transacción se complete (o que podería demorar até un ano en espera da aprobación dos organismos reguladores).
O negocio de impresoras de Samsung ten uns seis mil empregados, unha base de produción en China e máis de 50 oficinas de vendas distribuídas por todo o mundo, facturando uns 2 billóns de wons (1.595 millóns de euros) durante 2015. HP pagará uns 1.050 millón de dólares (936 millóns de euros) polo negocio de impresoras de Samsung, o que supón un importante crecemento do seu negocio de impresión que, por outra banda, está en clara contracción global, ante a cada vez menor demanda do uso de papel, inevitable coa dixitalización de procesos.

PUBLICIDADE