HP faise co Premio Excelencia á Innovación Tecnolóxica 2010 do COETTC

xoves, 23 de setembro do 2010 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Cataluña (COETTC) premiou o Sistema de Impresión HP con tecnoloxía Látex en Gran Formato por achegar unha mellora social, cultural e económica á sociedade. Esta interesante innovación que chega como alternativa máis sustentable ás tecnoloxías existentes de impresión dixital en aplicacións de cartelería e rótulos para exteriores foi desenvolvida no Centro de HP en Sant Cugat del Vallès.
Os premios Excelencia Empresarial foron entregados hoxe polo Presidente do Parlament de Cataluña, Ernest Benach, durante a 9ª Diada de las Telecomunicaciones de Cataluña organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Cataluña (COETTC) no CosmoCaixa, un dos eventos máis importantes e representativos do sector TIC que se organiza no territorio.
Este galardón outórgase o ano en que HP Barcelona conmemora 25 anos como centro e exemplo de clúster internacional R+D+i en Cataluña. Josep Tarradas, Director de Investigación e Desenvolvemento do negocio de HP de impresión en gran formato, declarou ao recoller o premio que «este desafío tecnolóxico non se tería podido levar a cabo sen o equipo de profesionais altamente cualificados que durante máis de cinco anos investigaron sobre esta nova tecnoloxía, desenvolvendo distintos produtos que xa se encontran no mercado. O Centro HP é sen dúbida un viveiro de talento que proxecta a imaxe de Cataluña e España en todo o mundo».

PUBLICIDADE