HP despedirá a entre 11.000 e 16.000 traballadores

venres, 23 de maio do 2014 Marcus Fernández

Pese a ter unha saúde mellor ao de moitas outras industrias, o sector tecnolóxico tamén está a pasar certas dificultades, e unha das principais compañías do mundo neste ámbito, HP, informa no seu último informe financeiro relativo ao segundo trimestre fiscal de 2014 de que vai continuar os axustes no seu cadro de persoal iniciados en maio de 2012, e amplían a anterior estimación de que terían que prescindir de 34.000 postos de traballo nunha cantidade de entre 11.000 e 16.000 traballadores.
Hai dous anos a empresa aseguraba que os recortes só afectarían a 27.000 empregados e finalmente o plan de reestruturación podería chegar a un total de 50.000, o que son unhas duras novas para os traballadores de compañía, pero que son necesarias para axustarse á realidade do mercado.
HP estaría a padecer unha caída interanual de ingresos dun 1%, e unha caída no fluxo de caixa do 16%, signos que parecen deixar claro que as medidas que están a adoptar están xustificadas. Neste período os ingresos por equipos persoais medraron un 7%, mentres que o resto de divisións da compañía non conseguirían medrar en facturación.

PUBLICIDADE