HP continúa a promocionar o seu futuro tablet

martes, 26 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Adiantándose á presentación oficial do tablet de Apple, Phil McKinney, un dos máximos responsables de HP, participa nun vídeo que podemos ver na web no que amosan un prototipo do futuro HP Slate, equipo tipo tablet que están a preparar e que funciona co sistema operativo Windows 7, coma xa anunciou Steve Ballmer co gallo da pasada edición do E3, o que sería un dos factores decisivos para o seu decisivo éxito, pois tanto o software para o trebello debería estar optimizado, como tamén era preciso que o seu prezo puidese ser atractivo.
Sen entrar en dar un prezo, McKinney asegura que o HP Slate podería ter custado 1.500 dólares se o lanzasen con anterioridade, mentres que o seu novo prezo sería «asequible», e o produto sería ideal para o consumo de «medios enriquecidos», de xeito que serviría para acceder a e-books e vídeos dun xeito máis cómodo do que permitiría un ordenador ultraportátil.
Polo momento seguimos sen coñecer os detalles técnicos deste novo equipo, e polo momento pouco máis sabemos do mesmo agás que sairá á venda ao longo do presente ano.


McKinney amosando o HP Slate nunha entrevista

PUBLICIDADE