HP abre en Barcelona a súa primeira tenda exclusiva do ámbito estatal

mércores, 24 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Hewlett-Packard aposta pola venda en exclusiva. Nesta liña é onde se insire a tenda de apertura inminente, propia de seu (aínda que con matices), emprazada na Gran Vía de les Corts Catalanes de Barcelona, unha das máis importantes da cidade, tanto polo seu peso comercial como no que atinxe á súa lonxitude. Segundo se conta na Rede, esta aposta pola distribución directa responde a un interese por satisfacer unha demanda que medra (a das empresas e profesionais clientes de HP, que queren tratar coa compañía na súa propia casa) e por afianzarse o máximo posible nos mercados europeos. Con todo, a tenda de Barcelona, que se abre o mércores da semana que vén, non será propia de seu. De feito, HP aposta nesta estratexia por elixir previamente socios locais que asuman o papel comercial, sendo a firma Pont Reyes a primeira en ser seleccionada.
A compañía norteamericana resérvase, iso si, o dereito a fixar a feitura e o trato dos establecementos: da súa man vén o mobiliario e a formación dos traballadores das tendas. Estes locais servirán entre outras cousas para dar conta, de primeira man, dos máis recentes produtos de HP no mercado, en calquera eido de actuación (dende computadores fixos e portátiles a impresoras, pasando por teléfonos intelixentes). A previsión é que a tenda de Barcelona sexa a primeira de outras moitas, polo que non sería de estrañar que en breve se anuncie a apertura dun emprazamento semellante dende a nosa terra. Segundo conta HP, xa hai un bo número de socios españois solicitándolle á multinacional un acordo na mesma liña do asinado con Pont Reyes.

PUBLICIDADE