HBO Max chegará a España sen custo adicional

martes, 5 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Esta mañá tivo lugar o evento de presentación de HBO Max para España, Suecia, Finlandia, Noruega, Dinamarca e Andorra o vindeiro 26 de outubro, o que no caso español será unha transformación con moi poucas novidades da marca HBO, xa que manterase o prezo da mensualidade, aínda que si estrean unha tarifa anual a 69,99 euros coa que pretenden fidelizar aos subscritores evitando que deixen a plataforma nos meses con menos novidades.
A principal diferenza entre HBO e HBO Max sería a integración de contidos da Warner Bros. (que xa leva tempo incorporándose paulatinamente), especialmente no que se refire ás grandes producións cinematográficas, que chegarán 45 días despois da súa estrea en salas comerciais sen cargo adicional, o que pretende ser o grande incentivo para contratar esta plataforma que tamén contará con series orixinais como Lust, La Casa del Dragón e Venga Juan. Outra novidade importante que tería HBO Max sería a posibilidade de gozar dalgúns dos seus contidos en 4K con HDR e son Dolby Atmos.
Os contidos de HBO Max dividiranse en 5 grandes seccións en función da súa orixe, que serían HBO, Max Originals, DC, Cartoon Network e Warner Bros., estratexia que semella buscar paralelismos con Disney+ (que reparte o material entre as seccións de Disney, Pixar, Marvel, Star Wars, National Geographic e Star).

PUBLICIDADE