Greenpeace pendura na Web a listaxe negra dos pesqueiros ilegais

mércores, 7 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Greenpeace vén de presentar unha base de datos en Internet sobre os buques que máis están contribuíndo a estragar os recursos pesqueiros. A idea da organización ecoloxista é que a comunidade internacional por enteiro teña acceso libre a estes datos e se poida facer un seguimento máis exhaustivo das actividades destes barcos ilegais, que ás firmas lexítimas lle custan até 6.900 millóns de euros. A base de datos foi presentada en Roma, perante o Comité de Pesca da Organización para a Agricultura e a Alimentación (FAO).
A xuízo da plataforma ecoloxista, existe unha absoluta falta de acción por parte dos gobernos e as autoridades en xeral á hora de pórlle fin ó esgotamento dos recursos mariños. Con este proxecto web (no que, por desgraza, semella doado atopar presenza galega baixo bandeiras doutros países), Greenpeace quere achegar unha ferramenta que axude a centralizar a información. A web inclúe os nomes dos barcos, a bandeira do país no que están rexistrados, a bandeira do país que os controla ou que os controlou e outros datos de tipo técnico.

PUBLICIDADE