Granxafamiliar.com dá un paso adiante coa posta en marcha dun museo virtual de rutas polo noso rural

xoves, 5 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O noso rural agarda polas TIC coma agarda, tamén, polas mellores condicións posibles de tempo para obter os mellores resultados de colleita. Dito doutro xeito: as redes e as actividades agrogandeiras nunca foron incompatibles, máis ben o contrario. Se houbo falta de entendemento, foi porque alguén (institucións públicas, empresas, entidades de todo tipo) non fixo ben os deberes. Para quen aínda teña dúbidas sobre isto, cómpre que dirixa a ollada cara a experiencias como Granxafamiliar.com, web posta en marcha polo Grupo de Investigación Gist-Idega da USC e máis a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF) co obxectivo de asegurar e potenciar a presenza nos mercados globais de elementos tan locais como as nosas explotacións agrarias familiares e os seus produtos.
Pois ben, segundo fan saber os responsables da iniciativa logo de varios anos de vida do proxecto, Granxafamiliar (que abrangue familias de Brión, Lalín e Antas do Ulla) vén de subir un novo e importante chanzo coa apertura do Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia.
A proposta, que se aloxará na web galiciaautentica.org recollerá en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión “alternativa” da xeografía cultural de Galicia.
Por certo que para quen queira afondar nos contidos e posibilidades deste proxecto multimedia, dicir que o sábado 7 está previsto no Concello de Lalín un encontro entre técnicos e investigadores do Gist-Idega e representantes das trinta familias produtoras que participan en Granxafamiliar. A xuntanza será ás 16:00 horas en Casa Pájaro, na parroquia lalinense de Filgueira.
Segundo contan os coordinadores de ámbolos dous proxectos, o xermolo do Museo xa hai tempo que vai collendo corpo. De feito, un equipo de técnicos está a percorrer arestora as diferentes bisbarras galegas rexistrando en diferentes formatos (vídeo, imaxe e son) pequenos anacos “a xeito de flashes” da vida cotiá que os habitantes do noso rural desenvolven nos seus espazos domésticos e de traballo.
Este arquivo multimedia dixital, engade o grupo da USC, está sendo xeo-referenciado a partir de Google Maps e divulgado en redes socias con canles propias en Youtube e Facebook. “Deste xeito”, informan, “preséntase unha Galicia auténtica, descoñecida, con todos os aspectos positivos e negativos que nos caracterizan como pobo orixinal e diferente no contexto español e europeo”.

PUBLICIDADE