Gradiant valida hoxe en Santiago os resultados das súas investigacións en tecnoloxía 4G

mércores, 10 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) desenvolve hoxe, en colaboración con Telefónica, unha validación conxunta dos seus proxectos de investigación en tecnolóxica LTE (Long Term Evolution) da dita operadora. Á cita están convocados os nosos profesionais das novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións, sexan do eido privado ou do público, e levarase a cabo nas instalacións do Centro Demostrador TIC (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia) en Santiago. O principal obxectivo desta proba convocada por Gradiant é amosar o comportamento dos sinais LTE (tecnoloxía tamén coñecida como 4G) en contornos reais, cousa que foi avaliada polo miúdo nos traballos recentes levados a cabo neste eido dende o centro galego.
Lembrar que o Centro Demostrador TIC acubilla dende xullo de 2012 un laboratorio piloto de tecnoloxía 4G, posto en marcha por Telefónica en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Este obradoiro de traballo supón, en palabras de Gradiant, “un excelente escenario sobre o cal as empresas do sector TIC galego poderán levar a cabo demostracións e probas dos seus desenvolvementos, sendo como é o primeiro punto de acceso 4G dispoñíbel de maneira permanente en Galicia, previo a un futuro despregue territorial de Telefónica”.
Ao fío disto e volvendo á cita de hoxe, Gradiant será precisamente a primeira organización galega que fai emprego desta infraestrutura no Centro Demostrador TIC.

PUBLICIDADE