Gradiant sinala o potencial dos seus traballos e experiencia para incrementar a seguridade viaria

mércores, 13 de novembro do 2013 Redacción

A seguridade viaria é e seguirá a ser un tema candente. E máis se temos en conta que os sinistros de tráfico, segundo a Organización Mundial da Saúde, seguen a figurar no top 10 das principais causas de morte do mundo (na nosa terra está entre as primeiras causas, xunto con cancro). Por estas razóns, os investimentos en seguridade medraron moito nos últimos anos. Durante 2011, destináronse a esta cuestión até 214 millóns de euros en España, aínda que logo coa crise as cifras e esforzos decreceron dende as administracións. Porén, a actividade das empresas e os centros de investigación increméntase con cada ano que pasa. Un exemplo disto é o que se fai dende o centro galego Gradiant, no que consideran que a introdución de novas tecnoloxías no ámbito da seguridade viaria suporá un gran avance, xa que ademais de mellorar a prevención e asistencia, axudará a reducir os custos que estas supoñen cada ano.
O centro galego lémbranos estes días, nun artigo do investigador Javier Sánchez Rois, que os sistemas baseados en visión artificial e procesado de imaxe, nos que Gradiant leva traballando dende hai tempo, “supoñen un claro exemplo de como as novas tecnoloxías marcarán o desenvolvemento de sistemas intelixentes na era das cidades intelixentes”. Os casos reais de aplicación destes sistemas poden ser moitos e variados. Por exemplo: no camiño de monotorizar e seguir o estado anímico dos condutores, detectando estados de fatiga que afectan directamente á seguridade na estrada.
Segundo informa Gradiant, o centro conta coa experiencia e coñecemento precisos para trasladar estas novas tecnoloxías ao eido da protección nos vehículos. Experiencia e coñecemento adquiridos tras a participación en diferentes proxectos de investigación e innovación. Por exemplo no eido das interfaces home-máquina (HCI), no que Gradiant realizou sistemas de análise facial que poderían aplicarse para a devandita monitorización de condutores. Lembrar tamén que o centro galego desenvolveu plataformas de vídeo vixilancia que inclúen sistemas de detección de eventos anómalos ou medida do volume de tráfico, permitindo o control de zonas urbanas e interurbanas en tempo real. “Grazas a estas e outras capacidades, Gradiant pode levar a innovación á seguridade das nosas estradas e cidades para facelas así máis seguras”, comenta no seu artigo Sánchez Rois.

PUBLICIDADE