Gradiant pon na App Store unha aplicación para enviarmos tarxetas personalizadas de Nadal

mércores, 19 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

O centro galego Gradiant vén de pór na App Store unha máis que interesante aplicación, con vistas ás festas que se nos veñen enriba, deseñada para facilitarnos as cousas de cara a felicitar o Nadal, e dun xeito creativo e orixinal. A ferramenta chámase SmileCards, e pódese atopar de xeito doado, tamén, procurando Gradiant dende os trebellos iPhone ou iPad. Trátase dunha aplicación de balde, para facermos a nosa propia felicitación personalizada da nosa faciana e compartila logo con quen desexemos compartila.
Segundo nos contan dende Gradiant, todo é proceso é automático e moi intuitivo. Unicamente hai que pórse diante da cámara e sorrir. SmileCards está baseada en tecnoloxías de tracking facial, e de recoñecemento dos trazos propios dos usuarios que, como lembraremos, é unha das moitas liñas de traballo do centro vigués de I+D. Tamén se basea en tecnoloxías avanzadas de análise emocional, estimando o nivel de sorriso do usuario e personalizando, deste xeito e nunca mellor dito, a tarxeta.

PUBLICIDADE