Gradiant participa en voos experimentais con UAVs no aeródromo de Rozas

luns, 13 de xuño do 2016 Redacción

O Aeródromo de Rozas (Lugo) acolle estes días os segundos voos experimentais de validación en UAVs (Vehículos Aéreos non Tripulados, polas súas siglas en inglés Unnamed Aerial Vehicles) da tecnoloxía de comunicación por satélite desenvolvido ao abeiro de TÁCTICA, proxecto dirixido a mellorar os sistemas actuais de comunicación vía satélite dende estacións móbiles no ámbito civil, transmitindo información en menos tempo e con meirandes taxas de fiabilidade na comunicación e velocidade na transmisión.
TÁCTICA, como lembraremos, rematou a súa andaina en decembro 2015 e veu da man do Centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, contando coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant e de SCR (Sistemas de Control Remoto) do grupo Everis Aeroespacial e Defensa.
Segundo nos contan dende Gradiant, durante este tres últimos días probáronse melloras nun innovador sistema de comunicacións embarcado nun UAV e a súa conexión en tempo real cun satélite, co fin de validar o traballo de I+D+i realizado dentro do marco do proxecto. “A súa principal innovación”, explica o centro tecnolóxico, “reside en ser un sistema de comunicacións satélite con capacidade de adaptación, capaz de variar a taxa de información transmitida en función das características da canle de comunicación”.
AtlantTIC, ao fío do devandito, desenvolveu algoritmos para acadar a adaptación da ligazón que precisamente permite adecuar as transmisións ás condicións da canle. Gradiant, pola súa banda, conseguiu deseñar e implementar o software e hardware, tanto o embarcado no dron de probas, como no equipamento da estación base no aeródromo. “Desta maneira”, explican, “lógranse comunicacións máis fiábeis en diferentes condicións de voo, auméntase a cantidade de datos, e a súa velocidade de transmisión”.
O modelo de proba, de feito, conseguiu comunicarse a través dun satélite norteamericano a 10.500 quilómetros de altura cunha base terrestre.
SCR puxo a disposición das probas experimentais un UAV de medio alcance que permite voar con payloads de 7 quilogramos en misións de até 5 horas de duración.
O proxecto TÁCTICA, que contou co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), expúxose como un gran proxecto de I+D, con varias de liñas de investigación que impulsaron o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia; e que permitiron xerar coñecemento aplicado con resultados, en palabras dos impulsores da iniciativa, “claramente transferíbeis á industria”. A través desta colaboración en TÁCTICA, Gradiant consolidou a súa traxectoria e a súa competencia tecnolóxica no sector das aeronaves non tripuladas, e reforzou o seu modelo de transferencia tecnolóxica cara ás empresas.
“O éxito das probas realizadas abre un novo espectro de oportunidades no marco do sector dos UAV”, engade o centro tecnolóxico galego acerca das experiencias realizadas nas Rozas, cualificando este sector de “industria que ha ir adquirindo peso en Galicia nos últimos tempos e onde a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apostou fortemente co seu Civil UAV Initiative para crear un polo de desenvolvemento tecnolóxico-industrial, da man das empresas Indra e Inaer, no ámbito dos sistemas aéreos non tripulados”. Gradiant, como centro tecnolóxico TIC referencia en Galicia, participará activamente desta iniciativa durante os vindeiros anos.

PUBLICIDADE