Gradiant participa en Open-VERSO, a Rede Cervera de comunicacións móbiles 5G

xoves, 18 de xuño do 2020 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant, emprazado no Campus de Vigo, participa no gran proxecto estatal para acelerar a evolución das redes de comunicación móbiles de vindeira xeración, as 5G e futuras (6G e demais). Estamos a falar do proxecto Open-VERSO, a Rede de Excelencia Cervera, na que tamén traballan, achegando a súa experiencia e a súa bagaxe, Vicomtech e o i2CAT. A través del deseñarase, porase en marcha e avaliarase a arquitectura “dunha rede integral 5G innovadora e con visión de futuro”, informou Gradiant, poñendo o foco na súa vertente flexíbel e escalábel (abrirá, de maneira fluída, a porta do estándar 6G).
Vicomtech lidera esta rede de excelencia na que participan ademais i2CAT e Gradiant. A rede nace co seguinte obxectivo concreto: desenvolver a arquitectura de despregamento de novas solucións para redes 5G e futuras, avaliar casos de uso, integrarse como infraestrutura de servizos federada a través de RedIRIS e cooperar con outros proxectos de innovación relacionados con tecnoloxías 5G a nivel nacional e internacional.
Gradiant explica que o devandito cometido levarase a cabo “cunha clara vocación de transferencia de tecnoloxía e coñecemento a empresas que xogarán un papel clave no desenvolvemento de industrias de múltiples sectores”. Estas empresas, engade o centro tecnolóxico galego, beneficiaranse do conxunto de tecnoloxías 5G e da súa longa listaxe de vantaxes.
A serie de tecnoloxías que se habilitarán no proxecto estará relacionada coa Intelixencia Artificial, a xestión avanzada de redes 5G e a propia evolución de tecnoloxías dos estándares nas que se basean.
Probas e validacións
Open-VERSO contempla realizar probas de concepto e desenvolvemento de prototipos que se validarán mediante aplicacións “funcionais e visualmente atractivas”, sinala Gradiant, facendo fincapé na importancia de identificar e analizar indicadores relevantes para “diferentes casos de uso que sexan o suficientemente representativos para servir de xerme a futuras transferencias de tecnoloxía da agrupación”. Entre outros casos de uso, e a modo de exemplo, Open- VERSO aborda aspectos fundamentais relacionados coa evolución das infraestruturas de redes móbiles tradicionais a infraestruturas “totalmente virtualizadas extremo a extremo”, que incluirán no futuro as propias tecnoloxías de acceso radio. Neste contexto, Open-VERSO porá o foco na aplicabilidade destes sistemas a sectores como o da radiodifusión de TV e radio dixital ou 5G-Broadcast, onde a súa integración nunha rede 5G común permitirán a difusión de contido de TV non só a televisores convencionais senón tamén a smartphones “dunha maneira moito máis eficiente utilizando a mesma infraestrutura de rede”.

PUBLICIDADE