Gradiant loce proxectos nunha das meirandes citas TIC de Europa, NetFutures 2015

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de participar en NetFutures 2020, un evento referencial en Europa no ámbito do desenvolvemento de novas tecnoloxías. A participación na cita, en palabras do centro galego “unha oportunidade única de networking a alto nivel internacional”, foi moi ben valorada por David Vázquez Cortizo, director xeral de Gradiant, que amosou a súa satisfacción pola experiencia vivida en NetFutures 2020, salón organizado e xestionado pola Comisión Europea e cuxo emprazamento físico (en Bruxelas) reuniu aos máis salientábeis axentes de innovación da UE: dende emprendedores a investidores, pasando por profesionais do desenvolvemento, empresas e especialistas en I+D. O evento celebrouse os días 25 e 26 de marzo.
Segundo nos contan dende Gradiant, o centro tecnolóxico asistiu ao evento seguindo de preto todas as actividades relacionadas co universo FIWARE (proxecto europeo no que participa) e con IoT (Internet das Cousas), “unha das grandes apostas tecnolóxicas de Gradiant”.
Lembrar que NetFutures celébrase para maximizar a competitividade da industria tecnolóxica europea, engade o centro tecnolóxico emprazado en Vigo. O obxectivo dos dous días de actividades, explica, “é formar unha comunidade interconectada que xunte empresas, organizacións e expertos en innovación e investigación, en chegada ao mercado, en desenvolvemento de negocio e estratexia empresarial, e en políticas públicas”. Así, NetFutures 2015 diríxese a amosar diferentes estratexias que se están a pór en marcha para facer da Unión Europea “un ecosistema integrado no que todas as partes que participan do proceso da innovación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións estean conectadas”.
A conferencia reuniu a máis de 700 asistentes destacados en innovación aplicada aos negocios e ás políticas públicas, “co obxectivo de maximizar a competitividade da industria tecnolóxica europea”. Foi inaugurada polo comisario para a Economía e a Sociedade Dixital, Günther Oettinger, e acolleu relatorios, mesas redondas e actividades de traballo en rede ao redor de cuestións como Internet, tecnoloxías na nube, Cidades Intelixentes e emprendedores dixitais.

PUBLICIDADE