Gradiant impulsa un laboratorio 5G para a modernización das nosas empresas

mércores, 23 de decembro do 2020 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant impulsa un laboratorio 5G para facilitar a transformación da nosa industria e o noso sector primario. Trátase do centro de traballo e desenvolvemento XoIA-5G, destinado, en palabra de Gradiant, “a poñer as tecnoloxías de Intelixencia Artificial e 5G ao alcance das empresas”. A iniciativa, pioneira na nosa terra, conta co apoio da Axencia Galega de Innovación e FEDER. Ao seu abeiro, crearanse aplicacións, produtos e servizos innovadores para o tecido produtivo galego.
Un dos piares do proxecto é tirar o máximo proveito das posibilidades que se abren co estándar 5G, unha tecnoloxía que terá “un gran impacto nas persoas máis aló do cambio na banda larga móbil, favorecendo a creación de Cidades Intelixentes e a presenza de coches autónomos, impulsando a innovación en sectores tan críticos como a sanidade, a agricultura ou a educación”, explica Gradiant, engadindo que XoIA situará ao tecido empresarial de Galicia á vangarda da I+D internacional no ámbito das tecnoloxías habilitadoras 5G a través de actividades para favorecer a participación en proxectos e programas de I+D internacionais. Amais, mellorará os servizos que as empresas poidan ofrecer aos seus clientes, así como facilitarlles o acceso a servizos especializados de I+D+i e impulsar ensaios experimentais e probas de concepto ou actividades de formación.
Para impulsar esta vocación de mercado, o proxecto inclúe un plan de explotación, ao abeiro do cal recóllense accións específicas tanto para a mellora da excelencia do centro tecnolóxico, como para a oferta de servizos innovadores e altamente especializados ao tecido produtivo.
XoIA-5G estará localizado nas instalacións de Gradiant e, como dixemos, conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a co-financiación do Programa Operativo FEDER 2014-2020 da Unión Europea, co obxectivo de potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.

PUBLICIDADE