Gradiant impulsa e amplifica o seu potencial en simulación para validar tecnoloxías avanzadas

mércores, 19 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

O camiño que percorre un servizo tecnolóxico, digamos un programa ou unha aplicación, até os nosos móbiles ou computadores, é máis longo do que pode parecer a ollos alleos. De parármonos a pensar en como pode ser o proceso, sairá de xeito inevitábel a palabra “probas”. Isto, en termos TIC, adóitase chamar validación. Trátase, durante esta etapa, de comprobar o axeitado funcionamento dos dispositivos nos diferentes escenarios nos que se van aplicar. Até aquí todo ben, pero que acontece se estes escenarios que serán o destino das nosas tecnoloxías fican ben lonxe, alén das nubes ou moi por debaixo da superficie do mar? Para facer que a validación sexa posíbel nestes supostos, entran en xogo as máis modernas técnicas de simulación. Entre os centros estatais que máis están a traballar neste eido atópase o centro galego Gradiant, que xa ten achegado cousas como un simulador de canle hardware que permite emular situacións e emprazamentos que, empregando as canles habituais de coñecemento, non daríamos acadado.
A simulación aplicada ás probas de desenvolvemento de dispositivos ou aplicacións ten ademais un valor extra nestes tempos que corren. Amais de facer o traballo máis inmediato, de axilizalo, achega o seu punto anticrise. Ou sexa, que por este vieiro sen dúbida redúcense gastos. Para logralo, as diferentes técnicas usadas reproducen as condicións reais en contornas de laboratorio, empregando para iso a simulación de canle e deste xeito permítese recrear tamén as condicións máis adversas ás que se enfrontará o sistema de comunicacións desenvolvido. Segundo nos conta Iago Gómez, investigador de Gradiant, un simulador de canle é unha ferramenta que permite substituír a canle de comunicacións do mundo real situada entre o transmisor e o receptor (efectos introducidos no sinal polo espazo exterior ou o medio acuático nos exemplos anteriores). Isto, engade, realízase proporcionando ao receptor unha versión distorsionada do sinal xerado polo transmisor, empregando modelos matemáticos para caracterizar os efectos da canle real. En base a todo isto, teremos un escenario de probas cen por cen controlado, moi axeitado para automatizar as medidas de prestacións. Seguindo este fío, Gradiant desenvolveu a capa física dun bo número de sistemas de comunicacións, xa sexan ópticas, sen fíos ou por cable, incluíndo técnicas monoportadora ou multiportadora e sistemas SISO, MISO, SIMO e MIMO. Estes proxectos, como é de supor, precisaron ser validados. Para efectualo, botouse man de varias solucións encamiñadas a materializar a simulación de canle, ferramentas de software ou equipamento hardware.
Máis polo miúdo, Gradiant desenvolveu un simulador de canle hardware que permite emular efectos como os seguintes: atenuación e desmaios de acordo a distintos modelos estatísticos, modelado das imperfeccións non controlábeis dos dispositivos mediante a adición de ruído, multitraxectos xerados polo reflectido nos obxectos da contorna ou cambios producidos nunha onda provocados polo movemento relativo entre o transmisor e o receptor. Polo tanto, Gradiant conta co seu propio simulador de canle hardware e, segundo informa, continúa con esta liña de investigación para dotalo de novas funcionalidades e estendelo a novas plataformas, maximizando así o seu potencial para ser transferido ás empresas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE