Gradiant impulsa as ideas dos seus propios investigadores a través de Gradianticípate

mércores, 9 de abril do 2014 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant está a organizar unha convocatoria interna de ideas: un acubillo de creatividade que amose, recoñeza e impulse esa creatividade. A iniciativa, chamada Gradianticípate, xa conta a día de hoxe con 34 ideas innovadoras para a súa fase eliminatoria, fase que comeza este xoves coa presentación das propostas perante un panel de especialistas en mercadotecnia, mercados e tecnoloxías. Estes expertos avaliarán a viabilidade dos proxectos e o seu potencial de seren factíbeis e rendíbeis no mercado.
Segundo sinalan fontes de Gradiant, o proceso de escolma “será semellante a un talent show no que os enxeñeiros e enxeñeiras autores das ideas terán só dez minutos (nin un máis) para expor as vantaxes dos seus proxectos ao panel, mentres o cronómetro corre”. E engaden, facendo referencia aos pasos a seguir no intre decisivo: “Unha vez que soe a alarma, o cadro expertos terá cinco minutos para preguntas e aclaracións dirixidas ao autor ou autora da idea, en total quince minutos que non só porán a proba as ideas, senón tamén as capacidades de comunicación dos seus autores”. Deste primeiro peneirado sairá unha ducia de propostas. Perante, terán outra proba a superar: achegar un plan de desenvolvemento de negocio antes da última semana de abril. De entre esta ducia de proxectos, sairán as finalmente seleccionadas no certame.
As propostas gañadoras de Gradianticípate serán financiadas polo centro tecnolóxico vigués para convertelas en produtos. Tamén se contempla a posibilidade de presentalas a investidores e empresas do sector para que co-invistan nelas, ou propiciar a creación de spin-offs do propio centro.
Con este programa, Gradiant destina unha boa parte dos beneficios xerados pola súa actividade para apoiar a xeración de ideas e a súa translación ao mercado. Lembrar que o centro é unha fundación privada sen arela de lucro e ten o compromiso “de reinvestir os recursos que xera a súa actividade no medre e desenvolvemento do propio centro e na xeración de propiedade intelectual”.

PUBLICIDADE