Gradiant demostra o seu potencial na análise avanzada de vídeo

luns, 29 de xullo do 2013 Redacción

O edificio Citexvi foi escenario de á I Xornada de transferencia sobre Análise Avanzada de Vídeo, Aplica Vídeo Intelixente ao teu Produto, organizada polo ClusterTIC de Galicia e por Gradiant. Nela, os investigadores de Gradiant demostraron de que son capaces as súas investigacións a través de relatorios e probas in situ. As cinco charlas, repartidas entre as 10.00 e as 14.00 horas, contaron cun público formado en case a súa totalidade por empresas interesadas e por varios medios de comunicación.
Ao mediodía chegou a hora do café e ademais do típico momento social, tamén se aproveitou o parón para facer unha demostración práctica das últimas tecnoloxías nas que traballan os investigadores de Gradiant.
Unha sala contigua ao espazo das charlas serviu para explicar en persoa aos asistentes as aplicacións prácticas de todo este coñecemento, e as súas posibles implementacións no marco dos procesos de produción e creación de valor engadido.
Tras o café chegou o momento da mesa redonda, na que os asistentes puideron resolver de primeira man todas as súas dúbidas e preguntas sobre estas liñas de investigación e a súa aplicabilidade. Tamén o ClusterTIC de Galicia puido analizar a situación actual das liñas de financiamento e axudas dispoñibles para as empresas que desexen investir nestas tecnoloxías.

PUBLICIDADE